Todos os martes e xoves as persoas participantes realizarán rutas tutorizadas arredor da vila de Silleda e a iniciativa contará tamén con roteiros mensuais a lugares de interese
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda a través dos departamentos de Deportes e Turismo pon en marcha o programa Silleda Camiña, que se paralizou dende o pasada ano por mor da pandemia. O programa arrancará a vindeira semana cunha das dúas vertentes, a das camiñadas semanais pola vila de Silleda e arredores, na tardiña dos martes e xoves, co asesoramento do técnico municipal de Deportes, que informará sobre os percorridos e asesorará ás persoas participantes en función da súa idade, condición física…
O martes 13, ás 18:30 horas, haberá unha reunión informativa no pavillón municipal de Deportes César González Fares, que será o punto de referencia dos grupos. As persoas participantes recibirán un chaleco reflectante e poderán realizar as rutas en solitario ou ben en grupos reducidos, seguindo as condicións da normativa sanitaria actual, sempre con máscara. Os martes e xoves o horario será, en principio de 19:00 a 21:00 horas, podendo incorporarse a esta iniciativa dentro da citada franxa horaria.
Este programa busca fomentar hábitos de vida saudables así coma os desprazamentos a pé. O programa, gratuíto, está aberto á participación de persoas de todas as idades. As que desexen inscribirse e recibir máis información poden chamar ao teléfono 650 953 872.
O coñecemento de espazos turísticos e rutas é outra das liñas deste programa, con saídas mensuais que se irán organizando nos vindeiros meses. En principio a primeira saída realizarase no mes de maio, sempre que as condicións sociosanitarias así o permitan.
Comments