Laura Moure/Melide
Sabores e Saberes do Camiño, proxecto liderado pola Federeación Efas de Galicia e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, celebrou este venres en Melide a súa cuarta sesión co produto local como protagonista. A técnico en nutrición Mª Luz Valiño foi a responsable de executar as elaboracións Crocante rústico de queixo "Tres viajeros" con amorodos agridoces e Xeado flameado con augardente. O showcooking foi presidido por Marta Fernández, directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, e o tenente de alcalde melidense José Prado.
Enrique Rodríguez, vicepresidente das Efas de Galicia, Marta Fernández, directora do Centro Superior de Galicia, Mª Luz Valiño e José Prado, tenente alcalde de Melide.
Marta Fernández salientou o importante papel que realizan proxectos como Sabores e Sabores do Camiño para valorizar os produtos e os seus territorios. “Galicia é terra de produto, produto que é garante e diferencia do noso saber facer. As novas tendencias culinarias, a fusión na cociña non debe esquecer a nosa tradición, berce de tan boa materia prima e tan bos profesionais”.
O vicepresidente das Efas de Galicia, Enrique Rodríguez, puxo o foco na necesidade de seguir apostando polas iniciativas que como, Sabores e Saberes do Camiño, propician as interaccións cos profesionais, cos recursos e cos territorios. “O resultado de Sabores e Saberes do Camiño materializarase nunha guía de conclusións que achegará propostas para seguir traballando no reto deste Xacobeo tan especial que temos por diante. Agradeceu así mesmo a colaboración e contribución ó evento da empresa láctea Galacteum, produtora do queixo con D.O.P Arzúa-Ulloa Tres Viajeros, a cooperativa elaboradora do xeado Bico de Xeado e a destilería Casa Mejuto”.
“Estou moi agradecida de ter participado neste proxecto, gústame especialmente porque a súa finalidade é por en valor, defender e dar a coñecer o produto natural e local, razón pola que a elaboración dos platos é sinxela, simplemente engadir unha chisca de imaxinación para resaltar a esencia do produto. Agardo que os asistentes se leven un bo recordo e sobre todo un sabor auténtico das marabillas gastronómicas do noso entorno”, afirmou Mª Luz Valiño.
Finalidade
O programa Sabores e Saberes do Camiño ten como finalidade o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago, a promoción da súa riqueza cultural, natural e humana a través de actividades de difusión da potencialidade gastrocultural nos Concellos de O Pino, Arzúa, Palas e Melide. A mel, o queixo, ou o galo Piñeiro foron os protagonistas das anteriores sesión do proxecto, celebradas nas instalación do centro de formación profesional Efa Piñeiral (Arzúa) e no concello de O Pino. Sabores e Saberes do camiño continuará con obradoiros tematizados que terán lugar vindeiramente de novo en Melide e Palas de Reis.
Comments