É unha proposta para toda a familia da man do Concello e do Club Trasdeza Trail & Run
Laura Moure/Silleda
As festas de verán da vila de Silleda contarán cunha nova proposta para toda a familia da man do Concello de Silleda e o Club Trasdeza Trail & Run o sábado 6 de xullo. A proposta, denominada Canto sabes da túa vila?, propón a todas as persoas participantes unha emocionante busca do tesouro polas rúas da vila de Silleda o vindeiro sábado 6 de xullo a partir das 17:00 horas.
Agustín Crespo, membro do club, sinalou que se trata dunha actividade “diferente e especial xa que non é unha competición senón unha proba que ten como obxectivo desfrutar ao máximo do percorrido, da compañía e, sobre todo, descubrir aqueles recunchos e tesouros da nosa vila que habitualmente pasan desapercibidos no noso día a día”.
Publicidade
Deste xeito, Canto sabes da túa vila contará cun mapa de orientación que guiará a tódolos equipos participantes na procura de balizas repartidas por Silleda e que permitirán responder a unha serie de preguntas formuladas no mapa. Os equipos, formados por un máximo de catro persoas participantes, que logren responder de forma correcta a tódalas cuestións entrarán directamente a participar nun gran sorteo, que se realizará ao finalizar o evento.
A actividade dará comezo ás 17:00 horas dende a Praza Siñor Afranio, lugar onde se realizarán as inscricións gratuítas dende as 16:30 horas e tamén o punto de chegada da proba. A participación está aberta a persoas de tódalas idades, debendo os menores de 12 anos estar acompañados por, como mínimo, unha persoa adulta.
Publicidade
Paula Fernández, alcaldesa de Silleda, puxo en valor a labor realizada por colectivos como a Asociación Xuventude Silleda, a Asociación Cultural O Lacón, SIC Iniciativas Culturais ou Club Trasdeza Trail & Run, entidades que xunto co Concello de Silleda “permiten ofrecer á veciñanza unhas festas de verán de máxima calidade e que nos fan sentir moi orgullosos e orgullosas do noso concello”.
Comments