top of page

O programa do Entroido silledense contará con actividades en Abades, Lamela, A Bandeira e Silleda

Contará con distintas celebracións nas que que non faltarán iniciativas musicais, gastronómicas, sesións infantís…


Laura Moure/Silleda

A celebración do Entroido volta ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas con novas propostas e o xa tradicional Entroido da Ulla con tropas que se siguen mantendo nas

localidades da Bandeira e Lamela, unha celebración declarada de Interese Turístico. Membros dos distintos colectivos organizadores presentaron onte xunto co alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González, a ampla programación deste ano no municipio. A programación contará con distintas celebracións nas que que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, sesións infantís…


A primeira das citas será o sábado 11 en Lamela, onde a asociación Anxela organiza o Alto dos Xenerais no campo da festa ás 17:30 horas. Unha hora antes partirá o desfile dende Barravaite con premios aos mellores disfraces. Pola noite celebrarse unha cea de entroido (15 euros para adultos e 10 para menores de 12 anos) e a verbena estará amenizada por Pachi e DJ Houses.


Tamén na mesma xornada a parroquia de Abades, da man da Asociación Veciñal A Costa celebra un xantar de entroido ás 14:00 horas.


Na fin de semana grande do Entroido, A Bandeira e Silleda concentrarán as actividades da programación.

O xoves 16 terá lugar o xantar e baile de entroido para os maiores no restaurante Coteliño, amenizado polo dúo Punto Cero. Haberá premios aos mellores disfraces e para asistir (o prezo é de 20 euros por persoa) hai que anotarse no Centro Social dos Maiores de Silleda antes do vindeiro día 14.


Vellada, cabezudos e Alto dos Xenerais

O venres 17 volta a Vellada e Filloada ás rúas da Bandeira, con pasarrúas acompañado de charanga. O día grande será o sábado 18 onde xa pola mañá desfilarán polas rúas os xigantes e cabezudos.


Ás 15:40 comezará a inscricións para as comparsas e carrozas que partirán no desfile encabezado polos Xerais dende a praza Vales Mahía ás 16:30 horas. O desfile trancorrerá pola rúa Ramón de Valenzuela e rematará como sempre na praza da vila onde o Alto Infantil abrirá ás 17:30 a agardada batalla dialéctica das tropas do entroido, co Alto dos Xenerais.


A partir das 20:00 horas terá lugar o baile de disfraces na propia praza amenizado pola charanga BB+ e os DJ’s Cid, Carlos López e Calwin. As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaránse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces.


Concurso nos CarnaBares

Tamén dende o venres 17 e ata o martes de Entroido os locais de hostalería servirán tapas típicas de Entroido tanto en Silleda como na Bandeira, coa iniciativa de ECOS CarnaBares, que se estreou con éxito o pasado ano. Ademais, con CarnaBares actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalería local, aportados polo Concello de Silleda, e que se extenderá durante todos os días de Entroido.


Para participar neste concurso o público debe facer unha fotografía nos establecementos que participan en “Carnabares” e subila a Instagram co hagstag #carnabares23. Os premios concederanse ás propostas que reciban máis votos do público. O venres 17 animará as rúas de Silleda a charanga Os Bandiños, a partir das 21:00 horas.


Estrea do Domingo de Baldreus e xantar en Silleda e bailes infantís

O día 19 domingo a vila de Silleda será a protagonista co domingo de Baldreus, unha iniciativa que xurde da man do colectivo SIC Iniciativas Culturais en colaboración co Concello de Silleda e distintos colectivos (Asociación Cultural O Lacón, Banda de Música Municipal de Silleda, ECOS, Anpa Raparigos e a SD Silleda).


A xornada comezará ás 13:00 horas co Vermú de Mandís, amenizada por Cé Fantasma. Ás 14:30 horas chega Diantre de grella, un xantar popular na carpa que se instalará na praza Juan Salgueiro. Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da salazón, con poxa de pezas do porco, e a partir das 17:30 horas un pasarrúas dos Baldreus, unha figura que nace con vontade de crear unha representación propia na vila de silleda e o Demo de Carboeiro. Non faltará de novo na carpa a “Merencea Endemoñada” e o remate musical cun “antikaraoke de música pagá”.


O luns de entroido volta a tradicional festa infantil da Asociación Cultural Vista Alegre da Bandeira, a partir das 17:00 horas.


A programación do Entroido no municipio de Silleda rematará o martes de Entroido, día 21, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará tamén na carpa da praza Juan Salgueiro.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Dende o Concello de Silleda, que colabora con todas as actividades, o alcalde Manuel Cuiña, destaca o traballo realizado polos colectivos que participan na organización deste programa, “e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores e dos colectivos que organizan todas estas celebracións.


Á presentación asistiron en representación dos Xenerais de Lamela Sara Villar e Desiderio Varela; por parte dos Xenerais do Entroido da Bandeira Antía e Mariña López, Diego Rodríguez, Adrián Villar e o presidente Alberto López, Silvia López Romero e Isabel Núñez en representación de ECOS e de SIC Iniciativas Culturais, Xosé Filloy, Raquel García e Agustín Crespo.

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page