Serán gratuítas e teñen lugar na Casa da Cultura, ofertando tamén sesións de
tarde ás persoas interesadas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través dos departamentos e Educación e Benestar Social, que dirixe Ángela Troitiño, ampliará as persoas destinatarias nas clases de lingua no marco do programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante do concello de Silleda. Así, ademais de persoas adultas, as clases ofértanse tamén para nenos e nenas. “Visto que nos últimos meses Silleda está acollendo familias inmigrantes e, sobre todo, chegadas dende América Latina, vimos necesario o incremento do Programa Anduriña, para dar resposta ás novas necesidades lingüísticas que presentan”, indican a concelleira.
O Programa Anduriña, que leva xa varios anos en funcionamento e ten como obxectivo ofertar unha programación de actividades destinadas a ofrecer o apoio necesario para ter os coñecementos básicos da lingua e cultura española, e da lingua e cultura galega, que axude aos/ás participantes no seu proceso de integración social no noso municipio. A nova edición de Anduriña retómase este mes incorporando como novidade as Aulas Infantís de Galego, para dar cobertura á necesidade que plantexada dende diversas familias e mesmo dende centros educativos, de reforzo da lingua galega para alumnado inmigrante.
Primaria e Secundaria
Estas aulas están dirixidas a alumnado de Primaria e Secundaria, e preténdese ofertar un espazo de aprendizaxe común do noso idioma. Á espera de ver o número de nenos, nenas e adolescentes que precisen deste servizo, estableceuse unha única xornada para as clases (os venres de 19:00 a 20:00 horas na Casa Cultura de Silleda).
Todas as clases son gratuítas e impártense na Casa da Cultura de Silleda. Así mesmo, para as persoas adultas tamén se incorpora como novidade respecto a anteriores edicións sesións de tarde, para facilitar a conciliación co horario laboral.
Horarios maiores
As sesións de lingua e cultura españolas para as persoas maiores serán os luns (con grupos de 9:30 a 11:00 e de 20:00 a 21:30 horas); e as aulas de galego para persoas adultas serán os luns (11:30 a 13:00) e mércores (20:00 a 21:30 horas). As aulas infantís de galego fíxanse inicialmente os venres pola tarde de 19:00 a 20:00 hroas.
As inscricións formalízanse no Centro Social de Silleda en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres. O prazo para participar está xa aberto. O programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante, ten como obxectivos xerais o impulso da aprendizaxe da lingua a promoción e adquisición de coñecementos sobre a cultura española e galega. Entre os obxectivos específicos figuran que os inmigrantes acaden unhas competencias lingüísticas base na lingua (oral e escrita), o fomento de habilidades sociais, ou o dar unha resposta educativa de acordo as necesidades presentadas por cada usuario de xeito individual, tendo en conta o seu nivel académico.
O municipio de Silleda conta a día de hoxe con máis de 800 veciños procedentes de distintos países, o que representa case un 10 % da poboación. “Cremos que este programa axudará ás persoas que chegan a residir ao noso municipio procedentes de países extranxeiros e que non coñecen ben a nosa lingua, a familiarizarse co idioma e mellorar as súas habilidades de comunicación”, indica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ángela Troitiño.
Curso pilates
Por outra banda, este venres arrancou o curso de pilates para maiores no Centro Social de Silleda e que se imparte tamén no Centro Social da Bandeira, no marco do programa Silleda Activa.
Kommentare