"Os datos de visitantes xa superan as cifras anteriores á pandemia, e a tendencia é a alza, o cal evidencia o interese do público na estupenda colección de xoguetes depositada por Antonio Chaves”, sinala a concelleira de Turismo
Laura Moure/Lalín
A Concelleira de Turismo, Begoña Blanco, e Antonio Chaves, coleccionista que realiza a cesión dos bens, reuníronse para comentar este primeiro ano do Museo Galego do Xoguete colección Antonio Chaves tras cumprirse o aniversario dende que se abriu para o goce do público que acode ao Pazo de Liñares, en Lalín. Blanco indica que “neste primeiro ano co museo en funcionamento, estamos moi satisfeitos coa acollida do proxecto, xa que é moi favorable. Os datos de visitantes xa superan as cifras anteriores á pandemia, e a tendencia é a alza, o cal evidencia o interese do público na estupenda colección de xoguetes depositada por Antonio Chaves”.

A concelleira de Cultura e o coleccionista vigués, no encontro, trataron a ampliación do convenio de cesión, para incorporar novas actividades que terán lugar nos vindeiros meses. Segundo Begoña Blanco “queremos potenciar este gran recurso turístico e cultural, e continuar apostando pola dinamización deste espazo, e contamos coa plena colaboración de Chaves, co cal a situación é a idónea”.
Mil pezas
O Museo Galego do Xoguete colección A. Chaves foi inaugurado fai un ano no Pazo de Liñares, en Lalín, con máis de 1.000 pezas exclusivas distribuídas en catro salas. No acto inaugural participaron o alcalde, José Crespo; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o coleccionista, escritor e pintor que cedeu as pezas, Antonio Chaves; a directora do Museo do Mar de Vigo, Marta Lucio; e a edil de Cultura, Begoña Blanco, outros representantes do Concello.
O Museo Galego do Xoguete colección A. Chaves, segundo indica o propio coleccionista “ten sido citado por prestixiosos centros dedicados a esta temática, como o famoso Museo Valenciano del Juguete, que incluíu ao espazo de Lalín entre os 5 máis importantes a nivel estatal, ademais de transmitir a felicitación polo traballo”. O certo é que tal e como apunta Blanco, “a exposición ten feito soñar a numerosos visitantes, dende a apertura e ata día de hoxe vese un incremento na asistencia de público ao Pazo, cuxa motivación específica é visitar o museo do xoguete, un universo lúdico co que a xente sae das salas marabillada, pola súa autenticidade e exclusividade. Temos unha colección da que podemos presumir” .
A edil de Cultura comenta que “a exposición está articulada en varias salas, comezando cun espazo introdutorio, unha sala destinada aos títeres e a xoguetes do mundo, ao cinema, e un espazo audiovisual. A seguinte estaría protagonizada polos transportes, na que destaca a vitrina da aviación, así como outras pezas sinaladas como o Bugatti de Payá, un codiciado exemplar de coleccionista. Continúa o percorrido cun espazo dedicado á escola e as bonecas. É de destacar que hai guiños ao Pazo de Liñares en tódalas salas, así como unha vitrina específica para o cocido”.
Segundo explica Blanco, os visitantes destacan “a mostra tan completa que poden observar, na que por unha banda os maiores recordan a súa infancia, e pola outra os máis cativos adoitan sorprenderse dos materiais e do detallismo dos xoguetes das xeracións pasadas”.
Perfil de visitantes
No concerninte ao perfil de visitantes, a concelleira indica que “visitan o Museo Galego do Xoguete colección A. Chaves e o Pazo de Liñares tanto usuarios individuais como familias, ou grupos cando se trata de excursións organizadas”. Neste caso proceden tanto de fóra da comarca coma do propio Concello. A edil de Cultura recorda que o pasado xuño “o Museo foi un dos destinos no itinerario de “Coñece o teu Concello”, programa no que os escolares visitan lugares de interese da vila, e os rapaces sen dúbida quedaron encantados coa visita. É relevante indicar que o público amosa gran satisfacción coa visita, facendo habitualmente alusión á magnífica restauración deste ben patrimonial, e a variedade de contidos ofrecidos, sendo de acceso gratuíto”. Polo tanto anima á veciñanza a seguir gozando da cultura deste ben de interese, cuxa espectacular arquitectura xa paga a pena a súa visita, e que ademais acolle outras exposicións. Para os que queiran coñecelo ou voltar a visitalo, o horario é de martes a sábado, de 11:00 a 14:00, e polas tardes de 17:00 a 20:00 horas".
Neste enlace podedes ver o vídeo promocional: https://www.facebook.com/watch/?v=793919521640046
Así mesmo, Blanco avanza que “proximamente inauguraremos o Museo Galego da Marioneta, que completará os contidos do Pazo”.
Comments