O PP sinala que débeda histórica pola Atención á Dependencia xa supera os 58 millóns en Deza e Tabeirós-Montes
- ecosdacomarca
- 22 mar
- 3 Min. de lectura
Reclámalle ao goberno de España que a pague xa
Ecos da Comarca/Xeral
O PP Provincial de Pontevedra vaille reclamar ao Goberno de España que pague de inmediato a débeda histórica que teñen as arcas estatais coa Comunidade Autónoma de Galicia polo financiamento do Sistema de Atención á Dependencia, que xa alcanza os 58,1 millóns de euros só no que se refire aos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes no marco dos 771 millóns de euros pendentes de recibir nesta materia pola atención das persoas da provincia de Pontevedra.
Neste senso, cómpre cifrar as cantidades impagadas en materia de dependencia por parte do Executivo central en 2.500 millóns de euros no que respecta a toda Galicia, que foi a cantidade que se lle deixou de pagar por esta prestación básica nos últimos anos.
Publicidade
Por iso, os populares van levar ao próximo pleno da Deputación, fixado para o venres 28, unha moción na que lle esixen ao Estado que abone de inmediato os impagos nos que incurríu con Galicia en materia de dependencia, xa que se trata de fondos que tiveron que adiantar a Xunta de Galicia e os concellos “e que nos corresponden para non seguir afondando na ferida do castigo, maltrato e discriminación na que o PSOE segue furgando coa nosa provincia”.
Ademais do abono desta cantidade, "derivada do incumprimento do financiamento por parte do Estado, que nunca abona o 50% do custe deste servizo malia que llo esixe especificamente a Lei de Dependencia de 2006", o PP tamén inclúe na súa proposta que cesen os recurtes no ámbito deste financiamento, "posto que en 2023 o Goberno de España seguíu incumprindo ao pagar o 40% desta prestación, pero o pasado exercicio aínda rebaixou máis a súa achega con Galicia ao sufragar só o 34,9%. Ademais, as perspectivas para o presente 2025, sen Orzamentos Xerais do Estado por segundo ano consecutivo como consecuencia das políticas e pactos do PSOE en Madrid, aínda son peores e témese outra baixada no pago da dependencia co conseguinte prexuízo para os galegos e os pontevedreses".
A terceira proposta de acordo desta iniciativa plenaria provincial consiste en trasladarlle ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 a necesidade de que, desde o presente ano e sucesivos, asuma o 50% do custe do Sistema de Atención á Dependencia de Galicia para que a Xunta e as administracións locais non teñan que adiantar cartos e a prestación comece a estar axeitadamente financiada.
Os populares lembraron que estas solicitudes “son xustas, necesarias e urxentes” e engadiron que o que está a facer o Goberno de España “é incumprir unha lei prexudicando, unha vez máis, a Galicia e aos pontevedreses”, xa que ademais este financiamento é imprescindible polas condicións da nosa comunidade, que é a segunda máis envellecida de España tras Asturias e ten a terceira ratio de dependencia máis elevada despois desta rexión e a de Castela e León. De feito, a comunidade conta na actualidade con 77.000 persoas declaradas como dependentes, das que 23.765 pertencen á provincia de Pontevedra.
Malestar polo infrafinanciamento social
Esta proposta plenaria e todas as cuestións vencelladas á dependencia e aos Servizos Sociais foron abordados nunha reunión mantida na sede provincial polo presidente popular, Luis López, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, con alcaldes, voceiros e concelleiros do PP na provincia, que expresaron o seu malestar pola infrafinanciamento ao que o Goberno de España somete ao noso territorio noutro ámbito máis.

“Hai unha seria preocupación nos 61 concellos polo constante racaneo do PSOE en calquera ámbito, pero moito máis nun servizo fundamental que está orientado a coidar e atender aos máis vulnerables”, manifestou o tamén presidente da Deputación, que valorou moi positivamente o alto nivel dos servizos e das prestacións impulsadas pola Xunta nesta materia, incluso con solucións novidosas como o Bono Coidado no Fogar, dotado con 5.000 euros, a axuda por praza de residencia, centro de día ou coidador, que alcanza os 1.200 euros, ou o plan de choque dotado con 90 millóns para aprobar a resolución de axudas nun prazo máximo de seis meses.
“Todo o moito e bo que se fai en Galicia aínda podería ser máis e mellor se o Goberno de España pagase a cantidade millonaria que nos debe, e incluso sempre defendimos, moito antes ca eles, as súas peticións de universalizar a Axuda no Fogar ou a teleasistencia, pero desde Madrid teñen que deixar de esixir sen poñer cartos e comezar por pagar os 771 millóns da dependencia da provincia que se aforraron ata o momento”, concluíu Luis López.
Comments