López: “Sánchez ten que deixar de chantaxear á democracia utilizando de reféns aos 224.453 xubilados da provincia e debe levar a suba das pensións sen misturala con temas que van contra os intereses xerais dos cidadáns porque terá o apoio responsable do PP”
Ecos da Comarca/Xeral
O PP Provincial de Pontevedra vén de anunciar, a través do seu presidente, Luis López, que se van recoller sinaturas para esixir ao Goberno de España a suba das pensións despois de que a mesma, xunto con outras medidas sociais, "foran desbotadas e quedarán conxeladas para o presente ano 2025 por culpa da “política inútil” do PSOE en Madrid a través do chamado Decreto Ómnibus" e responsabilizou en exclusiva ao presidente do Goberno de España.

Os populares recollerán firmas tanto na rúa como nas sedes locais do partido nos 61 concellos da provincia e tamén colaborarán coa campaña de apoio impulsada polo PP Nacional na plataforma change.org baixo a denominación “¡Subida de las pensiones YA! ¡Ayuda a Valencia YA! ¡Descuentos en el transporte YA!” a través do enlace https://www.change.org/p/subida-de-las-pensiones-ya-ayuda-a-valencia-ya-descuentos-en-el-transporte-ya.
“Pedro Sánchez ten que deixar de chantaxear á democracia e de practicar o trileirismo e o engano político e ademais é lamentable que o faga empregando de reféns aos 224.453 xubilados da provincia, que desde o mes de febreiro van quedar sen a merecida e necesaria suba das súas pensións polo seu empeño en non levar este asunto ao Congreso en solitario, que é como se debe facer”, manifestou o mandatario popular. O tamén presidente da Deputación de Pontevedra lamentou que os maiores da provincia queden sen o incremento dos seus ingresos, cifrado nunha media de 35 euros mensuais e de case 500 anuais, “polo capricho e a obcecación do líder do PSOE que quere misturalo con outros temas enmarcados na súa radical axenda política para tratar de desviar a súa responsabilidade, exclusiva e única, da conxelación das pensións”.
Luis López insistíu na “chantaxe” practicada por Pedro Sánchez utilizando aos pensionistas, xa que recalcou que o PP “non vai apoiar en ningún caso algunhas das medidas que ían no mesmo decreto, como a suba do Imposto do Valor Engadido (IVE) dos alimentos e da eletricidade, as iniciativas que favorecen a protección dos okupas e promoven a indefensión dos propietarios de vivendas, os recurtes no financiamento de sanidade, educación e dependencia para as comunidades autónomas “cun grave prexuízo para Galicia”, o incremento xeralizado de impostos á clase traballadora ou o pago dos favores aos seus socios independentistas, en referenza á entrega dun palacete en París propiedade do Estado ao PNV".
Publicidade
“Pedro Sánchez decidíu vencellar a suba das pensións a moitas medidas que van en contra dos cidadáns e do interese xeral tentando que deste xeito lle saian adiante porque sabe que son unha aberración para a que non ten os votos suficientes. Deste xeito demostra que lle importa máis a súa axenda radical que a imprescindible suba das pensións porque, se realmente lle importasen os nosos xubildos, levaría este asunto fundamental en solitario sabendo perfectamente que para iso terá o voto responsable do Partido Popular”, manifestou o presidente do PP Provincial, que considera de “absoluta xustiza” que as pensións se revaloricen anualmente co IPC, dun 2,8% este ano.
Finalmente, Luis López lembrou que outra das iniciativas bloqueadas pola “política chantaxista” do PSOE, consistente nas axudas ao transporte público, “afortunadamente en Galicia está a ser paliada parcialmente pola responsabilidade da Xunta de Galicia, que manterá a bonificación que lle corresponde, do 20%, durante todo o presente ano, así como outras medidas de redución do prezo, descontos e gratuidade para a xente moza e as persoas maiores de 65 anos".
NOTICIA RELACIONADA:
O PSOE denuncia "o ataque frontal do PP á metade da poboación dezá co seu non ao Decreto Ómnibus": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-psoe-denuncia-o-ataque-frontal-do-pp-%C3%A1-metade-da-poboaci%C3%B3n-dez%C3%A1-co-seu-non-ao-decreto-%C3%B3mnibus
Comments