"O PP queda só ao votar en contra das bonificacións municipais para autónomos propostas polo PSOE"
- ecosdacomarca

- 24 feb
- 2 min de lectura
Os socialistas reafirman o seu compromiso de seguir defendendo iniciativas útiles para o tecido económico de Lalín como o bono comercio e medidas que alivien os custos fixos de quen mantén viva a actividade na vila
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín critica que "o Partido Popular foi o único grupo que votou en contra da moción presentada polo PSOE para aplicar bonificacións e medidas municipais de apoio aos autónomos de Lalín".

A proposta socialista incluía rebaixas no IBI e na taxa do lixo para novos autónomos, bonificacións no ICIO, apoio ao alugueiro de locais e compensacións en caso de obras que afecten aos negocio, entre outras accións. Medidas que dependen directamente do Concello.
"Todos os grupos da oposición apoiaron a iniciativa, mentres que o goberno local optou por rexeitala, centrando o seu discurso nun debate político alleo ao ámbito municipal", recalcan os socialistas.
Publicidade
Durante o pleno, incluso desde outros grupos da oposición se sinalou que os socialistas “lle meteron un gol ao goberno” cunha moción que puxo o foco no que realmente se pode facer desde Lalín, fronte a debates afastados da realidade local.
O PSOE considera que o goberno perdeu unha oportunidade de aplicar medidas concretas nun municipio que perdeu 180 autónomos desde 2021. “Os autónomos pagan impostos aquí, crean emprego aquí e sosteñen a economía local. Por iso trouxemos propostas que o Concello pode aplicar aquí”, sinala Alba Forno.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O grupo municipal reafirma o seu compromiso de seguir defendendo iniciativas útiles para o tecido económico de Lalín como o bono comercio e medidas que alivien os custos fixos de quen mantén viva a actividade na vila.







Comentarios