top of page

O PP Provincial de Pontevedra responde ás declaracións de Abel Losada sobre o estado das estradas nacionais nas bisbarras de Deza e Tabeirós

Ecos da Comarca/Deza

O PP Provincial de Pontevedra quere facer os seguintes apuntamentos respecto ás declaracións do subdelegado do Goberno, Abel Losada, sobre o estado das estradas nacionais nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes e a seguridade nestas vías na provincia de Pontevedra –realizadas este martes co gallo da súa visita oficial a Lalín– a través do seguinte comunicado.


1º. "Queremos agradecer ao subdelegado do Goberno que admita que os recurtes desde o Goberno de España que, segundo a súa versión, están a afectar ao mantemento das estradas nacionais comezaran no ano 2009 e, polo tanto, foran implantados polo expresidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero e despregados durante os tres anos seguintes polo seu propio partido, xa que queremos lembrarlle, por se interesadamente lle falla a memoria, que Mariano Rajoy, a quen pretende culpar desta situación, non comezou a gobernar en España ata xaneiro de 2012 tras investir o seu primeiro executivo o 22 de

decembro do ano 2011".

Representantes do PP este luns en Muimenta (Lalín).

2º. "Consideramos que o subdelegado do Goberno ten unha gran desfachatez política por remontarse 15 anos atrás para tratar de xustificar o mal estado das estradas nacionais na actualidade nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes en particular e na provincia de Pontevedra en xeral, xa que os gobernos de Pedro Sánchez están a piques de cumprir seis anos e cremos que non pode eludir a súa responsabilidade tras un mantemento nulo ou moi escaso, deficiente e insuficiente nestas vías da súa titularidade no noso territorio".


3º. "Estimamos que alegar que a vida útil das estradas nacionais comezou a esgotarse no ano 2009 e non tratar de poñerlle remedio nos seis últimos anos de executivos socialistas en Madrid é simplemente agocharse detrás de xustificacións peregrinas e fuxir por completo da súa responsabilidade cunha grave afección á seguridade viaria dos máis de 18.000 usuarios destas estradas en Deza e Tabeirós-Montes e dos máis de 120.000 en toda a provincia".


4º."Concordamos plenamente cos alcaldes, voceiros e demais representantes do PP nestas dúas comarcas en que as estradas nacionais desa zona interior “atópanse peor ca nunca e na situación máis deteriorada e perigosa de toda a democracia” e, ademais, tamén coincidimos co subdelegado do Goberno cando afirma que están en mal estado, pero lamentamos que non achegue solucións, prazos e investimentos para o seu arranxo e modernización e se limite vagamente e sen concreción a sinalar que se mellorarán “o antes posible”.


5º."Tamén coincidimos co subdelegado do Goberno en que debe saberse a orixe desta situación nas estradas nacionais de Deza e Tabeirós-Montes e do resto da provincia e, dado que el mesmo fixouno no ano 2009 polos recurtes do Goberno central, cremos que é imprescindible que os cidadáns saiban que foi José Luis Rodríguez Zapatero, segundo as propias palabras de Abel Losada, os que estivo aplicando as diminucións orzamentarias que, segundo a súa versión e para tratar de agochar a Pedro Sánchez, orixinaron durante tres anos consecutivos o comezo desta precaria situación viaria".


Publicidade

6º. "Fala tamén o subdelegado do Goberno da necesidade de que todas as administracións asuman responsabilidade nesta materia e volvemos a concordar con el lembrándolle que, nestas dúas comarcas do interior, a Xunta de Galicia renovou o firme nas estradas Rodeiro-Agolada, Vila de Cruces-Ponte Ledesma ou Silleda-Laro e vén de licitar a mesma actuación na PO-206 e PO-905 entre Lalín e Vila de Cruces malia estar en moita mellor situación que calquera das nacionais, mentres que a Deputación fixo o propio entre A Estrada e Forcarei, Cachafeiro e Silleda ou Serrapio e A Portela, por só citar algunhas das moitas actuacións, pero o Ministerio de Transportes ten as da súa responsabilidade e titularidade completamente abandonadas desde hai moitos anos. En calquera caso, convidamos ao subdelegado a facer unha visita in situ e conxunta ao terreo nestas dúas comarcas para comprobar o estado das vías do Estado, a Xunta e a Deputación".


7º. "Pedímoslle ao subdelegado do Goberno que deixe de exercer de comisario político do Partido Socialista e se centre en desempeñar a súa función, que consiste en trasladar as necesidades dos veciños de Deza e Tabeirós-Montes e do resto da provincia ao Goberno central para que proceda á súa corrección e mellora a través dos oportunos e xustos investimentos que, na nosa provincia, brilan pola súa ausencia, xa que o PSOE ten as súas prioridades moi lonxe de Galicia e incorre, unha e outra vez, nun absoluto maltrato e discriminación que se aprecia en practicamente todos os ámbitos".


NOTICIAS RELACIONADAS:

  • O PP esixe ao Ministerio de Transportes a mellora integral do firme nos 125 quilómetros das tres estradas nacionais de Deza e Tabeirós-Montes:

  • O subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, respóndelle ao PP:



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page