"O PP presume de ser o partido da Galicia do Si cando está a ignorar as necesidades de Agolada"
- ecosdacomarca

- 27 jul 2025
- 3 Min. de lectura
A voceira do BNG de Agolada, Susana Tato, é crítica cos populares ante a falta de solucións para as parcelarias e da precariedade do servizo de pediatría
Ecos da Comarca/Agolada
A portavoz do BNG de Agolada, Susana Tato, denuncia publicamente "que o Partido Popular se autodenomine como "o partido da Galicia do Si" posando nunha foto en Silleda, na que tamén aparece a portavoz do partido popular de Agolada Mari Carmen Seijas, cando na realidade está a desatender as necesidades da nosa veciñanza. Recentemente, e como se puido comprobar nesta semana, o PP segue sen resolver os problemas que levan máis de 20 anos sen solución, como as parcelarias que teñen que ser decretadas de inmediato".

"Parcelarias: 20 anos de promesas incumpridas"
A portavoz nacionalista lembra que as parcelarias das que se leva falando desde hai máis de 20 anos en Agolada, aínda non foron decretadas polo Goberno da Xunta, a pesar de que estas poderían estar listas dende principios de ano. "Mentres o PP se pavonea de ser o partido do Si, a realidade é ben diferente. Seguen prometendo solucións que nunca chegan, facendo reunións ca veciñanza cheas de promesas incumpridas e enganos", asegura Susana Tato.
O feito de que a parcelaria estea atrasada durante tantos anos "é un exemplo claro de como o PP pon en segundo plano os intereses das veciñas e veciños de Agolada, mentres se centran en intereses alleos, como é o caso do proxecto de Altri, dando prioridade a unha macrocelulosa que destruiría o noso entorno, frente a proxectos viables e respetuosos co medio ambiente e que levan anos parados por falta das parcelarias".
Publicidade
"Sanidade pública: o PP nega a realidade e despreza as familias"
Outro dos temas que está a causar gran preocupación entre a veciñanza, apunta o Bloque, "é a falta de servizos de pediatría na zona". "Mentres os pais e nais denuncian a falta de atención pediátrica, o Partido Popular insiste en negar a realidade, chamando alarmistas ás persoas que simplemente defenden os seus dereitos e os dos seus fillos e fillas", comenta Tato.
A portavoz do BNG lamenta que a falta de capacidade do Goberno galego para atender estas necesidades básicas da veciñanza. "A sanidade pública é un dereito fundamental e non podemos permitir que o PP remate con ela, deixando a nosa veciñanza sen uns servizos públicos de calidade", subliñou.
Agradecemento á deputada Ariadna Fernández
Desde o BNG, tamén se quere destacar "a gran labor que está a realizar a deputada nacionalista Ariadna Fernández, quen cas súas intervencións no Parlamento Galego se converteu na voz das nosas veciñas e veciños". "Quero aproveitar para agradecer á deputada Ariadna Fernández o seu traballo incansable, sendo a nosa voz en Santiago a única que realmente defende os intereses de Agolada e do noso rural no parlamento galego", destaca Susana Tato.
"A loita pola defensa do noso entorno: o Si ao proxecto de Altri"
Finalmente, Tato criticou de forma contundente o único "Si que parece ver o Partido Popular na actualidade: o SI ao proxecto de Altri". "Un proxecto que, en vez de mellorar a nosa economía e o noso entorno, só traerá máis destrozo e contaminación ao noso territorio", afirma Tato.
Publicidade
"Mentres o Partido Popular se mostra disposto a vender as nosas terras e o noso futuro a grandes empresas que só buscan o seu beneficio, no BNG seguiremos traballando para defender a nosa terra, a nosa xente e o noso benestar", concluíu a portavoz.
O BNG de Agolada insta á cidadanía "a seguir esixindo as solucións que tanto necesitamos e a non deixar que o Partido Popular continúe a ignorar as nosas reclamacións".








Comentarios