top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"O PP non aclara cando se reunirá coa veciñanza de Agolada nin se se decretarán as parcelarias", di o BNG

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, afirmou que a Consellería do Medio Rural manterá un encontro cos veciños en vindeiras datas


Ecos da Comarca/Agolada

A deputada Ariadna Fernández preguntoulle á directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez cando vai a Xunta do PP manter unha reunión coa veciñanza de Agolada, despois de que lle cancelasen a que tiñan prevista en setembro, porque -asegurou- a xente xa está aburrida de esperar por unha parcelaria que, despois de 22 anos desde que se iniciaron os procesos para poder levala a cabo, segue sen facerse.


“Por que lle cancelaron a reunión de setembro e por que a de agora é un ruxe ruxe que non se sabe nin quen vai nin cando nin de onde vén a noticia”, recriminou para perdirlle a continuación á directora xeral, que “se sabe cando é por favor, dígallo a eles”. “Teñen que cumprir co que prometeron”, reclamou.


Na comisión 7º deste venres no Parlamento, a deputada de Deza preguntou tamén cando se decretará a parcelaria e se xa falaron cos veciños sobre impacto que tería a macrocelulosa  ALTRI no territorio, porque, “para a Xunta,  ALTRI é un proceso de interese estratéxico, as parcelarias de Agolada non”, recriminou.

Ariadna Fernández onte durante a súa intervención.

A deputada nacionalista lembrou que as sinaturas xa se recolleron en 2002. “Estamos en 2024 e o que é de pena é que os veciños e veciñas de Agolada lle solicitasen innumerables reunións sen que ninguén fose alí dicir dúas verdades seguidas”, afirmou mentres amosaba os correos electrónicos coas solicitudes da veciñanza en 2020, 2021, e varias en 2022, unha delas directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. “Só lles faltou escribirlles ao Papa porque ao Rei tamén lle escribiron, e alí non foi ninguén”, afirmou.


Fernández recordoulle ao PP o compromiso da anterior directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, (AGADER) en 2023 de “avanzar no asunto”, retomando o proceso 14 anos despois de que en 2010 se paralizase por falta de fondos. Durante o bipartito investíronse 800.000 euros neste proceso e dos que nada se soubo cando entrou o goberno do PP. “Eu non sei se todos os trámites feitos ata entón se poderían rescatar porque perder 800.000 euros non me parece cousa de risa”, preguntou.


Para a deputada, o único que fixo o PP en febreiro de 2023 é “contarlles unha milonga”, en alusión ás explicacións que a anterior titular de AGADER lles deu nesa data de que as parcelarias tiñan tres puntos previos para decretarse e onde lle aseguraron que un deles, a consulta pública estaría feita a principios de marzo de 2023. En cando ao segundo punto previo, o informe de avaliación, segundo a deputada, tamén aseguraron que estaría a finais de marzo, e en canto ao estudo previo de iniciación, as datas falaban de seis meses, e que, unha vez publicado no DOG, se podería decretar a parcelaria.


Ariadna Fernández lamentou que en outubro de 2023 ”nin se decretou a parcelaria, nin apareceu no DOG nin nada que se lle semelle . “Non lles dá vergonza ir a Agolada contar esas cousas e non facer nada?”, preguntou.


Nas respostas ás preguntas do BNG en xullo deste ano, o PP dixo que, despois de cumprir eses tres puntos previos, para rematala poderíamos chegar a 5 anos de espera. “Pero é que iriamos a 30 anos de espera por unha parcelaria!; quen vai quedar alí con vacas e cunha explotación que precise dunha parcelaria!?”, advertiu.


 A deputada do Deza lembrou que  Agolada ten unha crise demográfica moi grave e cre que “en parte se tería solucionado con medidas coma por exemplo as parcelarias”, que axudarían a fixar poboación no rural se as explotacións tivesen futuro. A día de hoxe, estas parcelarias, segundo aclarou Fernández, afectarían a 1.500 hectáreas e beneficiarían a 122 explotacións, cando nos anos 90 había 90.000 explotacións, soamente contando as de leite. “Imaxinen cantas explotacións se terían beneficiado se a parcelaria chegase á súa hora”, subliñou.


Publicidade

“Os que acordaron que era necesaria a parcelaria hai 22 anos, algúns xa non están, outros están xubilados, e outras explotacións xa pecharon”, apuntou. Fernández rematou dicíndolle ao PP que son tan repetidas as súa mentiras á veciñanza que “os únicos que comulgaron co que se lles dicía foron os concelleiros do PP, cando dicían que tiñamos que remar todos xuntos. O malo -engadiu- é que o goberno rema para un lado e xs veciñxs para outro”, rematou.


Resposta do PP

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, avanzou que a Consellería do Medio Rural manterá unha reunión con veciños de Agolada en vindeiras datas para abordar os próximos pasos dos procesos de reestruturación parcelaria na localidade. Así o fixo en resposta a unha pregunta sobre o tema na Comisión 7ª do Parlamento. Concretamente abordou os casos dos procesos de Baíña-Berredo-Órrea, Agra-O Sexo- Val de Sangorza e Basadre-Eidán-Ramil, dos que xa se licitaron e executaron os traballos correspondentes á elaboración do Estudo Previo de Instalación e, segundo engadiu Rodríguez, os seus resultados daranse a coñecer nas próximas datas ás persoas interesadas mediante unha publicación no Diario Oficial de Galicia. "Isto é, o traballo segue o seu curso con normalidade".


Estas tres parcelarias, explicou Rodríguez, contan cunha inversión estimada de 11 millóns de euros para avanzar nos próximos anos e reestruturar unha superficie de case 4.000

hectáreas. Ademais, sinalou que en Agolada xa se remataron 13 procesos de reestruturación parcelaria cunha superficie de 5.323 hectáreas de 2.121 propietarios.


Na súa intervención tamén lembrou que desde o ano 2020 a Xunta rematou 33 concentracións, que abranguen unha superficie de máis de 22.000 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.600 propietarios con 37.600 títulos de propiedade. Ademais, dende o 2021, decretáronse 29 novas parcelarias con case 24.000 hectáreas de superficie e, neste 2024, o Goberno autonómico destina 24 millóns de euros a impulsar as concentracións parcelarias e o arranxo de pistas, un 41% máis con respecto ao ano pasado.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page