Refírese ao proxecto que Augas de Galicia remitiu ao bipartito o pasado xaneiro cos informes sectoriais oportunos
Ecos da Comarca/Melide
No pleno ordinario celebrado esta semana o PP de Melide, tal e como informa, propuxo un rogo ao bipartito co fin de que “Melide deixe de estar vinculado a elementos negativos relacionados co medio ambiente facéndose eco da nova que Axencia Galega do Medio Ambiente lanzou estes días onde fai referencia a que o Furelos é un punto vermello pola cantidade de sedimentos e contaminación que acumula”.

O PP considera que o bipartito municipal "utilizou o río Furelos como reclamo, pero neste momento, aínda tendo a solución enriba da mesa, non prioriza un investimento esencial para Melide e polo que o PP loitou durante o seu mandato o que en todo caso, demostra que era simplemente un slogan máis". E ante isto recalca que "o alcalde expuxo que o executarían se tivesen investimento" algo que "é inaudito" a xuízo dos populares "debido a que o bipartito de Adiante Melide e do PSOE herdaron o Concello máis saneado da historia de Melide: 4,5 millóns de euros de aforros, cando estamos falando de 216.000 euros. Hai que recordar que 216.000 euros é un investimento que no Concello de Melide é viable, toda vez que, cun orzamento prorrogado do ano 2021, un orzamento que preveu 600.000 euros para a piscina climatizada municipal e por segundo ano consecutivo, non se executan e segue pechada".
A voceira popular, Dalia García, incide en que “é inadmisible que co proxecto de Augas de Galicia xestionado enriba da mesa con todos e cada un dos permisos sectoriais sigamos agardando a que o bipartito de Pérez reaccione; o que demostra e que o programa electoral era iso, simplemente iso, promesas”
コメント