E esíxelle ao Goberno de España e ao BNG "que fagan o mesmo no treito Lalín-Santiago"
Ecos da Comarca/Silleda
O Partido Popular, a través de Luis López, Ethel Vázquez, Román Rodríguez, Pedro Puy e Ignacio Maril, celebrou este mércores unha comparecencia na rotonda de Lamela, Silleda, para contrapoñer dous modelos de xestión en materia de infarestruturas, xa que sinalaron que mentres o PP aposta polas constantes melloras da rede viaria e as rebaixas ou a gratuidade das peaxes nas vías de alta capacidade, os socialistas no Goberno de España, co apoio do BNG, "teñen abandonadas as estradas da súa competencia e suben as taxas coma nunca, cun incremento histórico, e coa desfachatez de mentirlles aos cidadáns falando de rebaixas que non aparecen por ningures".

Neste senso, Ethel Vázquez destacou que a Xunta de Galicia adica anualmente 9 millóns de euros para implantar a gratuidade na circulación pola AG-53 entre Dozón e Ourense e esixiulle ao Goberno de España, “con ese apoio a cambio de nada que sempre teñen do Bloque”, que fagan o mesmo no treito Lalín-Santiago para evitar a “evidente desigualdade” existente entre estes territorios.
A conselleira de Infraestruturas e candidata pola circunscrición da Coruña lembrou que a Xunta asume peaxes en sombra, como este entre Deza e Ourense, ou conxela por segundo ano consecutivo as tarifas nas autoestradas autonómicas (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), o que beneficia a 28.000 usuarios diarios. “Tivemos que escoller entre aplicar o IPC ou asumilo para axudar ás familias nun contexto de forte inflación e o que fixemos é poñernos novamente do lado da xente”, sinalou Vázquez.
Publicidade
Os representantes do PP, que lamentaron que os socialistas non acometan desde o Ministerio de Transportes dunha vez por todas o paralizado enlace de Lamela para favorecer a conexión coa autoestrada, confrontaron esta conxelación autonómica “coas mentiras das forzas de esquerda, que dixeron que ía haber rebaixas, que non fixeron o que dixeron xa que as subiron de xeito histórico cun 5% este ano preferindo favorecer ás concesionarias antes que aos cidadáns e que, aínda por riba, teñen a desfachatez de seguir teimando en que hai rebaixas”. Ao respecto, concretaron que o pasado ano a viaxe de ida e volta pola AP-53 para un turismo custaba 12,80 euros e neste exercicio pasou a 13,40 euros.
Pola súa banda, o conselleiro e candidato lalinense Román Rodríguez pediulles a todos os veciños de Deza que “miren con atención as pancartas que colgou o BNG en moitos sitios da nosa comarca fachendándose de conseguir rebaixas nesta AP-53 e posteriormente que veñan a estas cabinas e pasen por caixa, xa que comprobarán, coma sempre, que non son un partido de fiar e que están desesperados por amosar unha realidade que non existe para rabuñar uns votos”.
“Por elo o domingo temos que elixir entre dous modelos. Por unha banda, o do Partido Popular, que ten as infraestruturas en boas condicións e mantén o nivel de autoesixencia para seguilas mellorando e ten clara a súa política de contención e gratuidade nun tema tan sensible como o das peaxes. E tamén que ten un presidente, Alfonso Rueda, que cando di que se conxelan as taxas pois obra en consecuencia coa súa palabra. E por outro, o de PSOE e BNG, cunha clara animadversión e falla de investimento en Galicia por parte do primeiro coa complicidade do segundo e aos que non lle doen prendas en mentirlle á xente”, concluíu Luis López.
Publicidade
Mitin en Vila de Cruces
Por outra banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, pediu este martes aos veciños de Vila de Cruces, no mitin celebrado na localidade, un "apoio masivo" para Alfonso Rueda "coa forza coa que soedes apoiar ao Partido Popular nas eleccións autonómicas", en referencia ao máis do 62% dos votos obtidos na cita de hai catro anos.
Neste senso, o tamén presidente da Deputación lembrou que Alfonso Rueda "é o único candidato que coñece á perfección este concello e ten sensibilidade coas súas demandas e necesidades" e contrapuxo o interese real e medible dos populares polos cruceños "fronte a un BNG ao que Vila de Cruces lle importa menos que facer seguidismo do seu argumentario de Santiago e un PSOE que nin sequera ten representación municipal".
O mitin contou tamén coa presenza da conselleira e candidata pola circunscrición da Coruña, Fabiola García; a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro; o deputado Pedro Puy e o presidente do PP local, Jesús Otero.
Comments