Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Os concelleiros do Partido Popular de Vila de Cruces queren dar conta dos acontecementos sucedidos no pleno extraordinario celebrado onte.

"Para esta sesión, o primeiro punto da orde do día versaba sobre a bonificación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en beneficio da nosa veciñanza, foi eliminado por unha cuestión de orde polo nosos concelleiros. A razón desta decisión radica na entrega a última hora dos informes pertinentes dos servizos municipais de tesouraría, intervención e secretaría, o que impediu unha análise adecuada e a posibilidade de emendar as cuestións que alí se reflexaban".
Neste sentido, o PP comprométese a realizar un estudo exhaustivo destes informes, co fin de levar de novo este asunto a outro pleno extraordinario para que se poidan abordar con rigor as implicacións para a veciñanza e cumprir coa legalidade.
Na sesión celebrada, o único punto da orde do día, tras a retirada do anterior, foi o segundo, que pretendía reverter as competencias delegadas no pleno do 7 de xullo de 2023 na xunta de goberno local. "Esta cuestión foi aprobada por unanimidade de todos os grupos da oposición, nun exercicio de democracia que beneficiará aos veciños e veciñas de Vila de Cruces, promovendo unha xestión máis transparente, participativa e responsable dos asuntos públicos municipais".
Publicidade
Finalmente, "queremos sinalar que antes da celebración deste pleno extraordinario, o señor alcalde retirou o terceiro punto da orde do día, relacionado con explicacións sobre unha serie de irregularidades detectadas polo noso grupo en expedientes de contratos de obras. As irregularidades identificadas inclúen, entre outras, a certificación de partidas de obras non executadas ou modificadas sen a correspondente xustificación, obras executadas en terreos non permitidos polo planeamento, e a certificación do final de obras sendo ademais recepcionadas por parte do Concello, sen estar completamente rematadas e dispostas para a súa axeitada utilización".
Durante o pleno, apuntan os populares, "outorgámoslle a oportunidade de dar explicacións mediante outra cuestión de orde, á cal o alcalde declinou, afirmando que todo se estaba a realizar de acordo coa legalidade e que, se tiñamos dúbidas, deberiamos
dirixirnos aos tribunais. O Partido Popular de Vila de Cruces continúa comprometido coa defensa dos intereses da nosa veciñanza e coa promoción da transparencia na xestión pública".
Comments