Consegue tamén sumar numerosas reclamacións individuais de veciños das zonas afectadas
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces, co seu voceiro, Jesús Otero, á cabeza, leva moitas semanas estudiando toda a documentación existente referente á instalación do parque eólico Cunca no concello de Vila de Cruces ó tempo que realizou numerosas xuntanzas veciñais para informar da situación actual. Froito deste intenso traballo é que o Grupo Municipal ven de presentar as alegacións pertinentes en contra deste proxecto que suporía un claro prexuízo en todos os termos para o noso rural. "Ademais, conseguimos numerosos veciños e veciñas das zonas máis afectadas presenten tamén as súas propias alegacións a título persoal", apunta o PP cruceño.
"No noso estudo de alegacións, chamamos á atención de que é preciso contar cun informe de AENA e da afección negativa que poden ter os diversos aeroxeneradores no tráfico aéreo dada a proximidade ó Aeroporto Internacional Rosalía de Castro – Lavacolla de Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, destacamos a negativa afección urbanística do proxecto, principalmente nas parroquias máis afectadas e as afeccións moi severas que poden sufrir familias que teñen a súa vivenda a pouco máis de 500 metros dalgún aeroxenerador proxectado", explica. "Como non pode ser doutro xeito, ó longo das páxinas que contén este estudo de alegacións, detallamos tamén todos os problemas e incidencias negativas que este proxecto vai a ter nos recursos hidrolóxicos, no patrimonio cultural, natural e paisaxístico do noso concello ó tempo que vai supoñer un gran freo na economía do noso rural e da xente que quere seguir emprendendo e apostando pola economía rural asentada no sector primario", lamenta.
Para rematar, os populares advirten da inadecuación da previsión de distancias no PSEGA xa que a distancia mínima non equivale á distancia máxima necesaria, tal como aseguran. "A estes efectos, consideramos que o informe relativo a este punto é nulo en canto a influír na viabilidade do proxecto xa que o PSEGA deixou de ser fai moito tempo unha referencia pericial válida a efectos de valorar a adecuación de infraestructuras eólicas", conclúe.
Kommentare