Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O pasado domingo, o voceiro do PP de Vila de Cruces, Jesús Otero, reuniuse cos veciños e as veciñas de Fornelos, na parroquia de Tuiriz, "onde puido contemplar con preocupación o lamentable estado deste lugar". "Así, os seus veciños, fixéronnos saber que senten completamente abandonados polo Concello, algo que, efectivamente, puido constatar “in situ” o noso portavoz", recalca o Partido Popular.
Sinala que o estado de conservación da pista principal de Fornelos así como o Camiño dos García neste mesmo lugar é "deplorable e intransitable debido ás numerosas fochancas e a clara falta de mantemento por parte do equipo de desgoberno municipal". Esta situación, tal e como indica o PP, "está a afectar no día a día dos veciños e as veciñas que residen nesta zona da parroquia e que imposibilita que certos vehículos xa non poidan acceder ás vivendas".

Do mesmo xeito, apunta que "os veciños deixaron constancia de algo que levamos denunciado desde o noso grupo en innumerables ocasións e é que aquí, en Fornelos, e do mesmo xeito que outros moitos lugares do municipio, levan máis dun ano sen rozas, situación que complica aínda máis o lamentable estado das súas vías. Esta situación pon de relevo que desde o Concello fanse traballos de roza e mantemento selectivos, dependendo do lugar que sexa, o que ocasiona situacións como a que denuncian os veciños de Fornelos. Mentres noutros lugares da mesma parroquia rozaron dúas veces, aquí nin unha soa vez en máis dun ano, lamentable e caciquil esta práctica".
Se en Fornelos a situación "é calamitosa e insostible", sinala que "non é moito mellor" nas parroquias de Sabrexo e Asorey. "En Sabrexo, teñen tamén nunha clara situación de abandono e falta de mantemento das súas vías máis transitadas, como a que transcorre polo lugar de Barral e a que transcorre polo lugar de Sabrexo. Na parroquia de Asorey é a súa pista principal a que parece estar esquecida polo señor Taboada e a súa tropa".
Por todo isto, o PP esixe ao equipo de "desgoberno que cese a súa continua práctica de regalar diñeiro ao seu asesor e ao mesmo conglomerado empresarial e invista ese diñeiro no ben dos veciños e as veciñas procedendo a reparar con urxencia estas vías mencionadas que se atopan completamente intransitables".
Igualmente, recalca, que sería importante "un criterio claro e transparente nos traballos de rozas e mantemento das parroquias para evitar situacións como as que día a día quedan de manifesto e nas que mentres nalgúns lugares rózase ata dous ou tres veces ao ano, noutros, non se roza nin unha soa vez".
Comments