top of page

O PP de Vila de Cruces denuncia "o lamentable estado de conservación de diversas infraestruturas"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

o Grupo Municipal Popular de Vila de Cruces denuncia "unha vez máis, e xa van moitas ao longo desta lexislatura, a situación na que se atopan varios equipamentos públicos infantís e paraxes do municipio, polo deixamento e o desgoberno presente no concello".


"O noso voceiro, Jesús Otero, na mañá deste pasado martes de Entroido, visitando numerosos lugares do municipio, puido contemplar con asombro o lamentable estado no que se atopa o parque infantil situado na área Natural das Illas de Gres, un estado que xa non é que sexa de descoido, é que é completamente perigoso para a integridade dos nenos e as nenas e carece de calquera medida de seguridade", cuestiona.


Esta situación, sinala, "desgraciadamente, non é nova, pois foi denunciada en innumerables ocasións polo noso voceiro e polo noso grupo. O que tampouco é novo é a resposta do desgoberno municipal: silencio e inacción. Así, o municipio está nunha dinámica de abandono difícil de entender e especialmente centrada no sector turístico e hostaleiro".


Ademais, os populares critican "a ausencia" dun Plan de accións hostaleiro-turísticas encamiñado á promoción do municipio e por tanto, á dinamización económica. "A isto témoslle que sumar a ausencia dun Plan de Apoio Económico serio para os autónomos e hostaleiros e o descoido de mantemento total das paraxes turísticas do municipio. Nunha situación semellante atópase o campo da festa de Santomé de Obra e toda a súa contorna con equipamentos infantís, descoidado e con elementos inservibles e perigosos para os nenos e nenas". O PP subliña que recibiron varias queixas. "Esta situación agrábase, segundo varios veciños que nolo transmitiron. Porque o acceso ao mesmo está obstaculizado pola presenza de numerosas ramas despois dos traballos de poda realizados polo Concello hai máis de dous meses. (Cabe mencionar que hai uns días o BNG tamén criticou o estado de varios parques infantís de distintas parroquias).


Nestas visitas, tal e como asegura, o exmandatario puido contemplar como quedou a área recreativa de Remesquide logo de realizar podas de ramas e quedar estas tiradas no chan sen limpar a zona, "dando unha sensación de deixamento e abandono impropia dunha paraxe destas características, destinado ademais, á chegada de visitantes dispostos a gozar da natureza. Nunha situación similar atopamos o parque de Brandariz, o cal, seguindo a tónica predominante doutras parroquias, está nun completo estado de abandono".


Tamén cuestiona a situación nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano a que tilda de "caótica". "Non mellora moito nas máis próximas. Así, atopamos o Parque Infantil de Bodaño nunha completa situación de abandono e falta de mantemento no que xa se poden ver ata “ toxos”. Situación que se estende ao local social da mesma parroquia.

Ademais, desde o noso grupo, denunciamos en innumerables ocasións o lamentable estado da área recreativa da Carixa en plena época estival, con carencias de mantemento que supoñían riscos gravísimos para a integridade de bañistas e usuarios das piscinas. Agora, a esta lamentable situación, temos que sumarlle, desde o pasado mes de decembro, que a zona nova da área recreativa e a área destinada a aparcadeiro de autocaravanas atópase sen luz nin iluminación público, o que terminou por provocar, que ante a carencia deste servizo básico, os usuarios destes vehículos opten por irse a outras zonas destinadas a aparcadeiro destes turismos noutros municipios veciños como Silleda ou Lalín".

Sen abandonar a parroquia de Merza, recalca que "atopámonos tamén o Campo da Capela de San Campio, zona de inicio e paso de senderistas cara ás Cataratas do Toxa, o cal do mesmo xeito que ocorre noutros lugares antes nomeados, realizáronse podas deixando tiradas no chan e no medio sen recoller numerosas ramas e restos de árbores que deixan unha imaxe lamentable de abandono da contorna da zona".


"Esta lamentable situación únese a unha lista interminable de cousas que están a lastrar a Vila de Cruces e a todo o municipio, desde a ausencia do xa nomeado Plan Económico ata a non solicitude dunha subvención da Xunta de Galicia para mellorar nas aldeas a rede de acceso a Internet pasando polo peche da biblioteca municipal, todo iso, coa ausencia de obras de calado e importancia para o concello. Non entendemos, como o equipo de desgoberno municipal non ten diñeiro nin medios para reparar con urxencia algo tan básico como a iluminación pública de moitas zonas nas que non está en funcionamento pero con todo, si ten diñeiro para regar ao asesor de comunicación e ao seu suposto conglomerado empresarial, pois no mes de febreiro, o Concello xa lle fixo pagos a este por importe superior aos 8.000 euros".

O Grupo Popular de Vila de Cruces esixe que o "máis axiña posible, desde o equipo de desgoberno, cese a actividade de malgasto continuo que están a facer en beneficio dun asesor que nada achega á vida dos cruceños e as cruceñas á vez que é urxente a reparación de todas as deficiencias detectadas así como da iluminación pública en todas aquelas zonas nas que está sen funcionamento. Unha mágoa a situación do municipio, tal e como nos comentaban varios asistentes á pasada Feira do Chourizo, o Concello non ten diñeiro nin para a fariña das filloas desta celebración en cambio parece ter moito para pagarlle sen control e antes de que finalice o mes ao asesor de comunicación, unha verdadeira pena", lamentan os populares.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page