Esta proposta fora presentada polos populares e foi votada en contra no pleno polo BNG e o PSOE
Matilde Pallares, a voceira do PP de Santiso, presentou no nome do seu grupo unha moción para o seu debate no pleno municipal co fin de solicitar unha moratoria ao Ministerio de Facenda sobre o catastrazo que afectará a meirande parte dos
veciños de Santiso. Os populares lamentan que "o grupo do goberno nacionalista de
Manuel Adán non teña a sensibilidade de loitar polos intereses dos veciños ao votar en contra nunha cuestión de máximo interese, sobre todo nos tempos que vivimos".
"Unha segunda revalorización catastral en apenas cinco anos e que afecta a preto de 4.000 referencias catastrais revisadas a alza, co correspondente desembolso engadido que suporá para a veciñanza, encima do ano de pandemia", apunta. Por iso, apelan "a unidade política local para defender os intereses dos veciños, pero unha vez máis cando a iniciativa proposta non vén da man do equipo de goberno, senón do grupo do PP, recházana sen máis", cuestionan.
Tamén insisten noutros aspectos. "Expoñimos que o PXOM xa estaba aprobado cando se fixo a primeira revisión, polo cal se puideron volcar os datos nunha única revisión. Por outro lado, hai parroquias nas cales, a pesares de que xa fai anos que fan uso das novas fincas de concentración parcelaria, os títulos de propiedade das novas parcelas están próximos a entregarse, pero mentres non os teñen, nesta revisión van pagar polas parcelas antigas que aportaron ao proceso de concentración no seu día, creando máis desconcerto aínda", apuntan. " Estes veciños terán que sufrir aínda outra nova revalorización máis adaptándoa as novas fincas resultantes. Tampouco isto lles preocupa os nacionalistas e socialistas de Santiso", engaden.
Por outra banda, o PP tamén pedía a rebaixa do tipo impositivo o mínimo legal, "que aínda que non supuxese moito importe, nesta situación todo axuda, máis cando trae carácter retroactivo de catro anos, pero tampouco o consideraron fundamental dende as filas de BNG e PSOE. Nin siquera poñer unha oficina de información, gratuíta para os veciños na que poideran solventar as dúbidas xurdidas, que non son poucas, e as cales non teñen resposta nestes momentos os veciños por parte do Concello. Respóndemnos dicindo que este imposto non o consideran elevado, que hai que pagar polas propiedades que se teñen, pero en Santiso servizos esenciais como suministro de auga, alcantarillado, etc moitas vivendas aínda non os teñen", asegura.
A pesar de todo, os populares agardan a que se dé marcha atrás e teñan en conta as súas propostas. "Sentimos que a administración máis cercana os veciños, que é o Concello, non esté disposto nin a facer a solicitude ao Ministerio de moratoria e anulación do carácter retroactivo de catro anos, cando neste caso é falla de coordinación entre administracións da mesma cor política ( a local e a estatal, BNG e PSOE). Estas demandas foron rexeitadas con votos en contra do propio BNG (catro) e do Ps de G (un), votando só a favor os dous concelleiros do PP de Santiso", indican os populares, pero confían en que isto poida cambiar. "Temos a esperanza que un día rectifiquen e consideren as nosas propostas que beneficiarían os veciños de Santiso".
Kommentit