Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide vén de rexistrar unha iniciativa para que o vindeiro 29 de Xuño, San Pedro, se celebre o tradicional acto de imposición de Medallas de Melide. Desta vez, dende o Grupo Municipal Popular propónse a figura de Mercedes Rodríguez Varela, cofundadora, xunto co seu marido, Ezequiel Parrado, dunha das Pulperías máis famosas de Melide que levou dende a década dos 60 do século pasado o nome e a cultura melidense alén das nosas fronteiras tanto nacionais como internacionais.
"Muller traballadora, figura insigne do negocio familiar ata convertelo nun referente da gastronomía nacional e internacional, Pulpería Ezequiel é hoxe toda unha institución para quen peregrina ou para que nos visita", sinalan os populares.
Por ese legado construído ao longo dos anos, o PP de Melide considera que a figura de Mercedes e o que significa para Melide debe ser galardoado coa máis alta distinción que pode outorgar o Concello Melidense, a Medalla de Ouro de Melide que se impón tradicionalmente no día do Patrón de Melide, San Pedro.
Dalia García, portavoz dos populares melidenses, sinala que “a situación de parálise que se sofre no Consistorio melidense ao non coñecer a día de hoxe, -case un mes depois da celebración das eleccións municipais- o organigrama do goberno, non pode ser unha eiva para os melidenses, de aí a que o noso grupo reivindique a imposición da Medalla de Ouro de Melide, que lle corresponde organizar a quen foi investide alcalde o pasado 17 de xuño”
Comments