"O que antes para eles era inasumible agora non só o aproba senón que aumenta a nómina polo mesmo traballo", asegura
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide asegura que vén de detectar "subidas de entre 400 e 300 euros na asignación aos asesores que o bipartito melidense ten contratados en materia xurídica e urbanística". Mostra a súa sorpresa polo “modus operandi” do bipartito AM- PSOE "xa que cando estaban na oposición exconcelleiros do BNG, -que agora militan en Adiante Melide e teñen responsabilidades de goberno-, así como o actual voceiro do PSOE e o tenente alcalde mellor pagado de Galicia, J. A. Prado, criticaban aos asesores que eles mesmos seguen mantendo e non só iso, senón que detectamos subas de soldo entre 400 e 300 euros".
Dalia García, a portavoz dos populares melidenses, subliña “a incoherencia de Pérez e o seu goberno non ten límites: o que antes para eles era inasumible agora non só o aproba senón que aumenta a nómina polo mesmo traballo”.
Dende a formación conservadora recordan que os asesores son cargos de libre designación, é dicir, son escollidos de entre profesionais nas áreas xurídicas e urbanísticas, pero non teñen unha vinculación funcionarial ou laboral co Concello de Melide. Engaden ademais que o bipartito, ademais de aumentar a partida destinada a asesores contratados, "contrata asesoramento en materia de contratación administrativa e defensa en xuízos laborais, funcións que están dentro das asignacións que lle corresponden á asesoría xurídica do Concello o que, dende o punto de vista dos populares melidenses, dista moito de cumprir a legalidade".
Comments