“Dinamizar a vila é moito máis que pegar pegatinas de novos logos e distribuír bolsas. Dinamizar é en esencia, atraer xente a nosa vila e ofrecerlle o mellor de nós, algo que sempre soubemos facer, e que por desgracia agora estase perdendo”, recalca a voceira
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide vén de iniciar unha rolda de contactos co comercio local co fin de coñecer o estado actual do sector. A portavoz popular, Dalia García, sinala que “é fundamental manter unha relación fluída co sector comercial e coñecer de primeira man as súas demandas. Melide ten un comercio forte, un comercio ao que todos temos que contribuír e
pensamos que, maila que nos pese, o bipartito Pérez- Prado non é consciente de tal cuestión visto o baixón que podemos constatar a simple vista en vendas e en xente que visita Melide. Ante iso temos que actuar e atallar a situación para que non sexan outros quen se aproveiten deste custe de oportunidade”.
O PP móstrase preocupado polo cambio de localización do mercado que "afectou sen dúbida algunha ao dinamismo comercial da vila". "Un Cantón de San Roque baleiro que se deixou esmorecer baixo a escusa da “saúde pública en pandemia” non é a mellor bandeira de presentación de Melide. Antes o domingo era o mellor día da semana tanto para a hostalería como para o comercio, agora, nesta rolda de contactos que iniciamos hai apenas dous días, moitos dos rexedores dos comercios nos constatan o inevitable: “Calquera día é simplemente, mellor”.
García considera que “dinamizar a vila é moito máis que pegar pegatinas de novos logos e distribuír bolsas. Dinamizar é en esencia, atraer xente a nosa vila e ofrecerlle o mellor de nós, algo que sempre soubemos facer, e que por desgracia agora estase perdendo”.
Análise das demandas
Así as cousas os populares informan de primeira man ao sector, analizando as demandas do mesmo, as posibles solucións así como, lamentan "que non se puxeran en marcha políticas de baixada de impostos ou gratificacións para o comercio local". Apunta García que “durante a pandemia varias veces demandamos que se lle trasladara tanto a hostalaría como ao comercio algunha gratificación fiscal, por exemplo, a taxa do lixo. O que nos encontramos sempre foi a calada por resposta e a fuxida cara diante. Agora, un
ano despois, analizando as contas do Concello vemos que non se pasou ao cobro a taxa por ocupación de vía pública aos comercios ambulantes, que supón o mesmo informe favorable que non cobrar a taxa do lixo aos comerciantes melidenses. Preguntámonos, porque a uns si e a outros non?”, reitera a edil popular melidense.
Porén seguirán co contacto co sector co fin de buscar solucións e consensuar "puntos de visa en aras de atallar a falta de dinamismo que se está detectando en Melide de cara a unha campaña de Nadal da que, a nivel municipal, non sabemos nada".
Comments