O PP de Melide esixe que o Concello "asuma dunha vez as súas responsabilidades cos colexios públicos"
- ecosdacomarca

- 11 sept 2025
- 3 Min. de lectura
"Aos pais tanto nos ten que os políticos vos botedes tiros (ou pelotas) os uns aos outros, sexa de quen sexa competencia consideramos que o muro debe ser reemplazado (despois de case 50 anos xa lle vai tocando", recalca a ANPA
Ecos da Comarca/Melide
O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide denuncia "a grave situación creada no Colexio Martagona, onde os pais se viron obrigados a manifestarse este luns ante a falta de solucións por parte do Concello. O equipo de goberno non só leva anos sen realizar labores de reparación, conservación e mantemento, senón que agora pretende desentenderse das súas competencias e pasar a responsabilidade á Xunta de Galicia".
Explican os populares que "o acordo entre a Consellería de Educación e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e provincias) é claro: corresponde aos Concellos a reparación, conservación e mantemento dos centros educativos, incluídos os peches perimetrais. A deixadez do tripartito provocou que o peche exterior do colexio
estea nun estado lamentable, con roturas en varias zonas, obrigando a manter pechado o patio durante o recreo".
Publicidade
O problema non se limita a este centro, apunta o PP. "Os tres colexios de Melide sofren
deficiencias de reparación, conservación e mantemento, o que evidencia un desgoberno absoluto e un Concello incapaz de xestionar os servizos básicos. A mesma falta de atención é visible na residencia de maiores, nos parques, nas vías públicas e en numerosos edificios municipais".
Representantes do Partido Popular de Melide mantiveron unha reunión coa Consellería de Educación, na que esta deixou claro que non pode asumir "as irresponsabilidades acumuladas do Concello. Con todo, a Xunta estará do lado dos veciños de Melide e mostrou a súa disposición a apoiar cun convenio de cofinanciamento do 50% para a reparación ou substitución do peche. Iso si, é imprescindible que sexa o Concello quen dea o paso e solicite formalmente ese acordo".
“O que non pode facer este goberno local é eludir responsabilidades, botarlle a culpa a outros e mirar para outro lado mentres os nenos sofren as consecuencias. A inacción do tripartito compromete o inicio do curso e pon en evidencia o descontrol absoluto na súa xestión”, denuncian os populares. "Desde o Partido Popular esiximos ao alcalde e á súa socia do BNG, responsable de Educación, que deixen de enganar á veciñanza, recoñezan de vez as súas obrigas e actúen con responsabilidade para resolver de inmediato esta situación".
A ANPA deste colexio, que falou con ECOS DA COMARCA o pasado luns, escribíu onte esta palabras nas súas redes sociais:
"Xa que non nos escoitan... Que nos vexan!

Parece que as augas andan revoltas pola Martagona xa que, os pais non calamos, reclamamos os nosos dereitos e os dos nosos fillos!
As instalacións da escola son precarias: sanitarios que verten auga, fiestras que filtran o frío, unha pista multideporte con un furado que parece feito por un meteorito e, a gota que colma o vaso, un muro que se desfai a anacos día a día e que resulta perigoso (para os de dentro da escola pero tamén para calquera persoa que camiñe pola beirarrúa).
Aos pais tanto nos ten que os políticos vos botedes tiros (ou pelotas) os uns aos outros, sexa de quen sexa competencia consideramos que o muro debe ser reemplazado (despois de case 50 anos xa lle vai tocando ).
Póñanse de acordo e déannos unha solución o máis axiña posible, por favor!
Coa seguridade dos nosos fillos/as non se xoga.
Se facemos memoria, no ano 2022, Manuel, un adolescente de Ourense ao que lle quedaba toda a vida por diante, morreu a causa do desplome do muro dun dos vestiarios do centro. Estamos dispostos a correr ese risco?".







Comentarios