Ecos da Comarca/Melide
“Colectores do lixo amarelo e verde levan meses apilados na nave de obras sen unha decisión clara de reforzo do servizo mentres lugares tan estratéxicos como o centro de saúde seguen faltos do servizo ou unha superficie comercial de carácter alimentario continua eivada de poder reciclar os residuos axeitadamente”, sinalan os populares melidenses. “O bipartito de Pérez e de Prado é literalmente un goberno falto de decisións, a innacción é o seu buque insignia”, reitera a portavoz popular, Dalia García, quen considera que unha política medioambiental sustentable é fundamental nun concello como Melide "onde a pesares de ter colectores estos fican sen “pena nin gloria” na nave de obras dende hai meses mentras os veciños sofren as carencias e pagan máis polo canón a Sogama debido a unha mala separación do lixo. “Na anterior lexislatura instaláronse moitas illas cos catro colectores no rural; agora asistimos a unha decadencia progresiva tamén nesta área de goberno tal e como podemos testemuñar polas fotografías que continuamente podemos sacar dando un paseo pola vila", sinalan.
García insta aos responsables municipais a que instalen os colectores amarelos e de tratamento de lixo orgánico nos puntos da vila que o necesitan e en concreto doten ás novas infraestructuras dunha política do lixo beneficiosa para o peto dos melidenses, “cada quilo de lixo que non vai ao colector adecuado custa euros aos melidenses e prexudica ao medioambiente", recalca. En concreto, sinala que o novo centro de saúde "non se reforzou con novos colectores de separación do lixo a pesar de estar almacenados na nave de obras creando un prexuízo á veciñanza quen se ve obrigada depositar o lixo fóra dos mesmos así como tamén na nova superficie comercial inaugurada hai a penas un mes".
Polémica sobre os “novos” colectores de reciclaxe de aceite
O bipartito AM-PSOE vén de anunciar “novos servizos á veciñanza” coa instalación de colectores de recollida de aceite de cociña. Dende o PP instan aos responsables municipais "a practicar a “humildade” xa que é algo que parece que esqueceron, xa que recambiar uns colectores por outros non é prestar un novo servizo. Xa quixeramos que traballasen por instalar o quinto colector ou colector marrón; hai vilas galegas moi próximas a Melide que xa nos gañan en iniciativas mentras en Melide continuamos por un camiño que nos leva a ser os últimos da cola”, apunta García.
Comments