Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide vén de cursar ante o SEPRONA e outros organismos oficiais a denuncia "polo abandono de materiais de obra contaminados na vía pública en territorio afectado pola delimitación de protección do Camiño de Santiago". Dalia García, portavoz dos populares melidenses sinala que “é inadmisible que o Concello obrigue mediante licencia de obra aos particulares a pagar o tratamento de residuos xerados na construción, por exemplo, e logo, cando se executan obras, sexa de lonxe a administración máis infractora abandonando cascallos e amianto sen ningún tipo de protección apilados durante días”.

O PP vén de tramitar a pertinente denuncia ante o SEPRONA "non sen antes facer pública a necesidade de corrixir a situación cuestión que se lle fixo chegar ao bipartito Pérez-Prado por escrito, sen que, ata o momento, se pronunciaran ao efecto". Así as cousas, os populares fanse eco "dos centos de queixas veciñais que recibiron os pasados días en canto a preocupación polo abandono, a salubridade pública e a imaxe que estaba a transmitir a súa vila sen que o Concello fixera caso algún".
Os populares advirten "da gravidade da infracción contra o medio ambiente e a saúde pública así como as responsabilidades directas do alcalde e o seu goberno no asunto".
Comments