O PP de Melide cualifica de “irreal e desorbitado” o orzamento de 9,7 millóns € que aprobou o tripartito
- ecosdacomarca
- 1 dic 2024
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide votou en contra "dun proxecto de orzamentos irreal e que responde a unha política económica destrutiva do aforro municipal en gasto corrente para satisfacer as necesidades dun tripartito incapaz de levar adiante os proxectos urxentes e prioritarios para Melide: cero euros para a apertura da Piscina Climatizada, cero euros para o problema de depuración de augas do Polígono Industrial e cero euros para a retirada de lodos da área de baño do Río Furelos, ademais de dilapidar, durante este 2014 1,8 millóns de euros de Remanente de Tesourería en pagamento de facturas, a maioría de contratos menores en fraude de lei, en gasto corrente", sinalan os populares.

Dalia García, portavoz dos populares melidenses sinala que “se produce un aumento de 2.294.000 euros respecto ao orzamento anterior, que, por outra banda, levaba prorrogado dous anos, incrementando case un 32% os gastos sen un aparente encadre cos ingresos sen novos servizos públicos ou prever investimentos que son de necesidade imperante para o Concello: véxase a Piscina cuberta, a canalización de augas residuais do polígono á EDAR ou eliminar os lodos da zona de baño que non veñen contempladas do proxecto de orzamentos". Dende os Populares melidenses aseveran que “o único que prevén estes orzamentos en canto a un aumento de ingresos é que se subirá o IBI durante o ano 2025 maila auga (un 2,6%), pero iso non xustifica de ningunha maneira os 2.294.000 euros de incremento, o que indica que, presuntamente estes orzamentos están inchados”
Subida de impostos
“A única forma de equilibrar os orzamentos de elevar o gasto é aumentar os ingresos” sinala o PP de Melide; analizando o proxecto de orzamentos "so podemos extraer que o IBI aumentará a recadación en 328.000 euros en 2025 respecto a este capítulo no orzamento anterior e non hai previsto unha suba de impostos ou unha recepción de transferencias polos 1,6 millóns restantes que sube o orzamento”.
Analizados os informes de Intervención e Secretaría respecto do Orzamentos sinalan que "non se cumpre a lexislación en materia laboral a pesar de aumentar o capítulo de persoal en case un 12%".
Publicidade
Investimentos
O capitulo VI de gastos relativo a investimentos inclúe o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña "e tan só 14.000 euros máis dos presupostados no orzamento anterior para obras, pasamos de 185.000 euros a 200.000, polo que o aumento é puramente sobre o papel e como dixemos non inclúe ningún dos temas prioritarios para Melide: hai cinco anos que a piscina climatizada está pechada, hai cinco anos que o proxecto á EDAR municipal está parado e hai máis de 5 anos que a praia fluvial non se arranxa".
NOTICIA RELACIONADA:
O Pleno de Melide aproba uns Orzamentos 2025 expansivos e con claro foco no gasto social e nos investimentos: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pleno-de-melide-aproba-uns-orzamentos-2025-expansivos-e-con-claro-foco-no-gasto-social-e-nos-inves
Comments