"Estes aseguran o terzo de financiamento do proxecto de canalización do parque empresarial a EDAR", subliña
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide analizou o proxecto de orzamentos autonómico que o executivo galego vén de presentar no Parlamento de Galicia. “A Xunta sempre foi un bo aliado para Melide e no 2022 seguirao sendo e non é algo subxectivo é algo que se pode comprobar con números e estatísticas; ningunha outra administración investiu en Melide, polo de agora, o mesmo que a Xunta ”, sinala a portavoz dos populares melidenses, Dalia García.
“A Xunta cumpre unha vez máis con Melide e comprometese co terzo de financiación da canalización á EDAR municipal tal e como reflicten as contas do executivo autonómico”, recalcan dende a agrupación municipal do PP. Dalia García pon en valor todo o financiamento que a Xunta de Galicia proveeu en Melide: "a reforma integral do CEIP nº 1, os saneamentos do Rañado, o mantemento integral da EDAR municipal, a cofinanciación de diferentes servizos públicos, a construción do Centro de Saúde que era unha débeda histórica con Melide así como a cooperación en diferentes eidos a nivel técnico. O mantemento da proposta plenaria de hai máis dun ano demostra a intención de cooperación do PP e da Xunta con Melide, cuestión que poñemos en entredito doutras Administracións".
"A colaboración da Deputación da Coruña: inexistente"
Os populares melidenses veñen de demostrar que o bipartito AM-PSOE "é a todas luces ineficaz á hora de xestionar os proxectos prioritarios de Melide". Apunta que consultaron hai meses na Deputación da Coruña e que non consta ningunha solicitude de convenio de cofinanciamento para a canalización das augas do parque empresarial á EDAR municipal por parte do bipartito AM-PSOE solicitado á Deputación da Coruña. “O alcalde está máis centrado en facer oposición á oposición que en solventar os problemas que nos implican a todos os melidenses”, reitera á portavoz popular, Dalia García, quen engade: “Se un
alcalde non defende os intereses da súa vila independentemente das cores é unha moi mala sinal” en alusión a que non consta nin sequera una petición informal de financiamento ante o executivo provincial.
Comments