O PP de Melide acusa ao tripartito "de relegar aos máis vulnerables para manter o pacto de goberno"
- ecosdacomarca

- 3 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O Partido Popular de Melide manifesta o seu rexeitamento á modificación orzamentaria que o goberno local pretende aprobar no pleno do próximo martes, "e que supón unha retirada de 200.000 euros da partida de atención social destinada a persoas maiores e dependentes, para redirixilos a actividades como festas populares, promoción cultural e outros gastos diversos sen detalle".

"É absolutamente inaceptable que, no mes de agosto e con unha lista de agarda cada vez maior en servizos básicos como a axuda no fogar, o goberno decida recortar precisamente nese ámbito para inxectar fondos a festas e eventos que nada teñen que ver coas necesidades urxentes dos nosos veciños", denuncian desde o grupo popular.
Segundo o PP, esta modificación ten como único obxectivo "manter o pacto político entre o BNG e os seus socios, sacrificando o benestar das persoas máis vulnerables a cambio de inxectar fondos a concellería de cultura que representa Ana Mosteiro do BNG".
Publicidade
“Non se trata só dunha cuestión técnica ou dun axuste de crédito. É unha decisión política deliberada: recórtase en servizos sociais para gastar máis en festexos e partidas sen claridade nin transparencia. Melide non pode permitirse este tipo de prioridades”, insisten.
O grupo popular lembra ademais que "a interventora municipal volve alertar da
situación económica do Concello, algo que o PP leva anos denunciando": “As contas municipais están lastradas por un dispendio constante que non repercute en melloras reais para os veciños, e agora temos a confirmación: Melide é un dos 19 concellos da provincia da Coruña que incumpre as regras fiscais e está obrigado a aplicar medidas correctoras en 2025”.
Publicidade
Para o PP, esta modificación orzamentaria "é a mostra de que o tripartito non está disposto a facer o esforzo necesario para corrixir o rumbo, e que prefire manter o poder sacrificando o que verdadeiramente importa: o apoio ás persoas que máis o necesitan".
Desde o grupo popular anuncian que defenderán esta postura no pleno do martes e instan ao goberno local a retirar esta proposta "e a priorizar, dunha vez por todas, os servizos sociais fronte ao gasto festivo e político".








Comentarios