O PP de Melide acusa ao Concello de "aproveitarse da actividade deportiva das asociacións e clubes"
- ecosdacomarca
- 24 sept 2022
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide lamenta que "unha vez máis o bipartito Pérez-Prado publicite como propio un torneo, a Liga de Padel, organizado dende a iniciativa privada e que se atreva nese mesmo anuncio a non proveer aos participantes da gratuídade das instalacións situadas no Palacio de Congresos ademais de establecer condicións de dubidosa legalidade segundo as ordenanzas locais".

O Partido Popular incide en que "sempre se facilitou por parte do Concello de Melide a vida ás asociacións tanto culturais como deportivas; non se entenden anuncios feitos dende os medios de comunicación institucionais que por unha banda, cuasi indiquen que a iniciativa parte do Concello, e polo tanto, non hai ningún tipo de problema para a utilización e promoción deste evento e por outra, se poña un prezo público para realizar o torneo e se estipulen ordes de preferencia nunhas instalacións que son de titularidade municipal”.
Dalia García, portavoz dos populares melidenses, lamenta unha vez máis a “incongruencia e incompetencia manifesta deste bipartito que afogado polos tempos está máis interesado en cortinas de fume que en traballar a prol do deporte toda vez que para outros eventos si financia os custos xerais para levalos a cabo”. García avanza que farán o seguimento
desta decisión na vindeira sesión ordinaria do pleno municipal.
Comments