"As axudas destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro sufriron un recorte dramático, pasando de 30.000 euros a só 10.000 euros, mentres máis de 200 nenos e nenas quedaron fóra das axudas ao material", lamentan os socialistas
Ecos da Comarcca/Lalín
A concelleira socialista de Lalín Alba Forno denuncia con firmeza a política de recortes realizados polo goberno local do PP nas axudas municipais destinadas a asociacións sociais, clubs deportivos, entidades veciñais ou comercio e pequenas empresas. “Estas decisións están a debilitar gravemente o noso tecido social e económico, mentres os veciños de Lalín soportan a maior subida de impostos en décadas sen recibir a cambio ningunha mellora nos servizos públicos”, explica.
Forno considera "inadmisible a redución do 50% na axuda municipal a Aspadeza, un colectivo de referencia que traballa con persoas con discapacidade. Este apoio, que co anterior goberno de coalición ascendía a 10.000 euros, foi reducido polo PP a só 5.000 euros, o que pon en perigo os servizos que esta entidade presta a un dos sectores máis vulnerables da nosa sociedade".

"O deporte base tampouco escapou á tesoira do PP, cun recorte de 10.000 euros nas axudas aos clubs deportivos, dificultando a súa capacidade para promover hábitos saudables e o desenvolvemento dos mozos de Lalín. Así mesmo, as axudas destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro sufriron un recorte dramático, pasando de 30.000 euros a só 10.000 euros, mentres máis de 200 nenos e nenas quedaron fóra das axudas ao material escolar por non destinar o goberno unha cantidade suficiente".
Ademais, os socialistas indican que o Partido Popular tamén reduciu "drasticamente as axudas para as festas parroquiais, que caeron de 12.000 a apenas 5.000 euros, ou non impulsou o comprometido “bono comercio”, todo tras mentirlle ao sector na campaña de 2019 prometéndolles 100.000 euros anuais de axudas directas nun plan denominado “Lalín cidade de compras” que nunca existiu".
“Estas decisións, lonxe de ser anecdóticas, teñen un impacto directo na cohesión social de Lalín, afectando tanto ao tecido económico, como ás asociacións, como aos veciños que participan activamente nestas iniciativas”, explicou Alba Forno. “Todo isto”, subliña, “ocorre mentres o goberno local do PP sóbese os soldos, alcanzando un custo anual de 450.000 euros para as arcas municipais, unha cifra escandalosa que contrasta cos recortes sistemáticos a quen traballa polo ben común do noso municipio”.
Publicidade
O Partido Socialista denuncia que estes recortes “son consecuencia directa da pésima xestión económica de Crespo, que levou ao Concello de Lalín á unha situación límite, cunha débeda pública disparada ata os case 11 millóns de euros, convertendo a Lalín no concello con máis de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra con maior débeda pública”.
Así, a voceira socialista insiste en que o incremento dos impostos ou a subida salarial de asesores e concelleiros non significou maiores ou mellores servizos públicos. “Ao contrario, o PP está a utilizar o diñeiro dos lalinenses para cubrir a súa mala xestión mentres asfixia ao tecido social e deportivo que dá vida ao noso municipio”. Forno esíxelle a Crespo que rectifique de inmediato esta política de recortes, restableza as axudas aos niveis anteriores e priorice as necesidades reais dos veciños. “Lalín non pode seguir soportando unha xestión que afoga aos seus colectivos máis importantes e multiplica a súa débeda a cambio de salarios desorbitados para os responsables públicos”. “Os socialista garantimos unha xestión responsable dos recursos e apostamos polo benestar de todos os lalinenses mirando sempre por quen realmente o necesita”, concluiu.
Comments