O PP de Cruces denuncia "a mala xestión do goberno de Xuntos no mantemento dos espazos públicos"
- ecosdacomarca
- 18 may
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces quere manifestar publicamente a súa preocupación "pola alarmante falta de mantemento e coidado dos espazos públicos no noso municipio, situación que evidencia unha vez máis a mala xestión do actual goberno local de Xuntos".

En particular, denuncia "o estado de abandono que presenta a zona urbana da Moa en Merza, onde as herbas medran sen control ao longo das beirarrúas. Esta situación non só ofrece unha imaxe lamentable impropia dun Concello, senón que tamén representa un risco para a seguridade viaria e peonil. Do mesmo xeito, chama poderosamente a atención o estado de deterioro da fonte situada no lugar de Brandomés. O pavimento que a rodea presenta un importante desgaste, con zonas afundidas e irregulares que supoñen un perigo evidente para os usuarios, especialmente persoas maiores e nenos. A falta de actuacións por parte do goberno municipal é inadmisible, máis aínda tratándose dun espazo que debería ser de lecer e encontro para a veciñanza".
Publicidade
"Preguntámonos: tería o señor alcalde a mesma actitude se estas situacións se producisen no núcleo urbano de Vila de Cruces? Permitiría herbas medrando polas beirarrúas ou fontes públicas abandonadas no centro do pobo? A resposta é evidente: non. Porque para o goberno de Xuntos hai veciños de primeira e de segunda".
Desde o PP de Vila de Cruces lémbralle "ao alcalde que os veciños das parroquias pagan os mesmos impostos que os de Cruces. E por tanto, teñen exactamente os mesmos dereitos a un mantemento digno dos espazos públicos. O trato discriminatorio cara aos habitantes das parroquias é intolerable e profundamente inxusto".
Publicidade
Desde o Partido Popular esixen ao equipo de goberno de Xuntos que actúe de inmediato para solucionar estas deficiencias. "A veciñanza merece uns servizos e un coidado do entorno acorde coas súas necesidades e cos impostos que pagan. Non se pode seguir gobernando con improvisación".
コメント