O PP de Cruces denuncia "a falta de planificación nos desbroces e o abandono das infraestruturas viarias"
- ecosdacomarca

- 19 jun
- 3 min de lectura
Ecos da Comarca/Vila de cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia "a absoluta falta de planificación do Goberno municipal no mantemento da rede viaria do noso concello, unha situación que está a provocar problemas de seguridade cada vez máis graves para os veciños e usuarios das estradas municipais".

Salienta que un dos casos preocupantes é o vial que comunica as parroquias de Merza e
Piloño. "Os veciños levan semanas alertando do estado no que se atopa esta vía debido á falta de desbroces. A maleza invade xa parte da calzada por ambos lados, reducindo considerablemente o ancho útil da estrada ata o punto de que en numerosos tramos xa non poden cruzarse dous vehículos ao mesmo tempo. A situación resulta especialmente grave porque se trata dun vial moi utilizado diariamente por traballadores das parroquias de Camanzo, Piloño, Brandomés, Salgueiros e doutras zonas do rural que o empregan para desprazarse cara á Bandeira, Silleda, A Estrada ou Pontevedra. A falta de limpeza das marxes reduce a visibilidade, dificulta as manobras de cruce e incrementa notablemente o risco de accidente, especialmente nas curvas e nos puntos con menor visibilidade".
Resulta incomprensible, apunta, "que, en pleno verán, cando a vexetación medra con máis
intensidade, o Concello non teña unha planificación eficaz dos traballos de limpeza e conservación das marxes viarias. Estamos ante unha cuestión de seguridade que afecta a centos de usuarios que utilizan esta estrada cada semana. Pero este non é un problema illado. A falta de mantemento e de atención ás infraestruturas municipais vén sendo unha constante durante os últimos meses. Un exemplo claro é o vial que vai dende A Moa ata o vial que comunica as parroquias de Merza e Piloño, unha vía utilizada por numerosos veciños e usuarios dos distintos servizos existentes no rural e que o Grupo Municipal Popular xa levou ao Pleno municipal mediante unha moción na que se denunciaba o seu estado practicamente intransitable, con numerosas zonas sen firme e cun deterioro moi avanzado ao longo dos seus aproximadamente 1.500 metros de percorrido".
PUBLICIDADE
E sinala que a pesar de que o Partido Popular puxo este problema enriba da mesa e reclamou unha actuación urxente, "a realidade é que os usuarios da vía seguen
trasladándonos continuas queixas e, meses despois, non se fixo absolutamente nada para solucionar unha situación que continúa empeorando día tras día. O Goberno municipal parece máis preocupado pola propaganda que pola xestión dos problemas reais dos veciños. Mentres os cidadáns pagan os seus impostos, atopan estradas cada vez máis deterioradas, marxes invadidas pola maleza e unha total ausencia de planificación nos labores básicos de conservación".
Desde o Partido Popular de Vila de Cruces esixen ao alcalde e ao seu equipo de goberno "que deixen de mirar para outro lado e actúen de maneira inmediata. É imprescindible executar un plan de desbroces serio e coordinado que garanta a seguridade viaria en todo o municipio, así como acometer con urxencia as obras de acondicionamento do vial da Moa e das demais estradas municipais que presentan un estado deficiente".
PUBLICIDADE
Os veciños do rural, salientan os populares, "merecen os mesmos servizos e a mesma atención que calquera outro cidadán. A seguridade dos usuarios debe estar por enriba da propaganda e das escusas".








Comentarios