Sinala que "recuperar a importancia da festa como evento gastronómico e permitir o acceso libre aos conceptos debe ser unha prioridade"
Ecos da Comarca/Arzúa
Pasados uns días da celebración da edición 49ª da Festa do Queixo de Arzúa, o Partido
Popular arzuán realizou unha reunión na que propón puntos de mellora para o 2025, ano do 50 aniversario.
O PP recomenda "adiantar os sempre tardíos traballos de organización da festa, como a
promoción e as contratacións, as que non poden esperar ós últimos días". Outro dos cambios propostos é recuperar o peso e importancia da festa como evento gastronómico. Para o voceiro popular, Rafael Rivadulla, “o queixo ten que volver ser protagonista principal, dende hai anos o concelleiro de Cultura, José Luís García, relegou a súa
importancia en favor do festival musical, no que se invisten tres cuartas partes do orzamento”, ó que engade que “a música é un complemento fundamental, pero a promoción do queixo como produto insigne de Arzúa ben merece algo pouco máis de coidado e promoción”.
Publicidade
Dende o PP proponse tamén unha orientación cara un público máis diverso, que xere máis
asistencia ó recinto feiral e que aporte un maior beneficio á economía local. Un cambio obrigatorio para o PP é a eliminación do peche perimetral da zona de concertos, así
coma o control de acceso, "algo que está a crear unha imaxe negativa da festa". "A alternativa dunha pantalla na praza para acoller o público que non puido entrar nos concertos non xurdiu efecto e tan so chegou a xuntar unha vintena de persoas, pois a gran maioría preferiu escoitar no exterior do recinto, facendo cola".

Sinala que o comunicado da Alcaldía, do BNG, o día anterior á realización dos concertos, "deu a entender que a decisión de poñer aforo foi da concellería de cultura, de AxA". Para Rivadulla, “o alcalde pretendeu lavar as mans, pero no tripartito BNG-AxA-PSOE son todos culpables e responsables”.
"Igualmente propoñemos a volta do pregón ó domingo, para unha asistencia maior, e unha
maior duración en días do concurso de petiscos, que permitiría máis participación da hostalería e do público, ou un pago polo mesmo, así como un sistema público de selección do gañador".
Finalmente, o PP considera que "a selección do cartel debería reconsiderarse os efectos positivos da publicidade do formato concurso sobre a simple contratación, e a designación dos arzuáns do ano, aínda que sempre foi acertada, podería enriquecerse coas aportacións da veciñanza".
Comments