O PP de Arzúa denuncia "a calada por resposta do PSOE e Alternativa ante a inauguración do monólito a Reboiras"
- ecosdacomarca

- 9 ene
- 2 Min. de lectura
Sinala que a instalación, que terá lugar este sábado 10 de xaneiro, "é unha decisión unilateral do alcalde que o BNG impón ao conxunto do Goberno Tripartito"
Ecos da Comarca/Arzúa
O vindeiro sábado, 10 de xaneiro, Arzúa asistirá á inauguración dun monólito en homenaxe a Moncho Reboiras. Unha iniciativa que o Partido Popular de Arzúa xa ten cualificado "de mposición ideolóxica" e que segundo o PP, "pon de manifesto a fraxilidade e a submisión dos socios do BNG no goberno local".

Dende o PP de Arzúa sinalan "que esta figura, vinculada ao marxismo revolucionario, non ten ningunha vinculación histórica nin afectiva coa nosa vila. O goberno tripartito (BNG, Alternativa por Arzúa e PSOE), que non tivo problemas en amosar unha unidade total á hora de asinar o pacto de goberno e asignarse os respectivos salarios dos cargos políticos, amosa agora unha fonda fenda ética. Malia que nun principio Alternativa por Arzúa e o PSOE intentaron desmarcarse publicamente cando o BNG fixo o anuncio, e tras dar por feito estes que finalmente non sería realidade, finalmente a instalación do monumento levarase a cabo coa súa calada por resposta".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Para o PP, "este silencio fainos cómplices necesarios: a historia lembrará que o monólito a Reboiras se instalou sendo eles parte activa do goberno da vila". O Partido Popular apunta que "intentou levar este sentir da veciñanza ao último pleno ordinario, o 4 de decembro, mediante unha moción de repulsa. Porén, o debate foi cercenado pola Alcaldía, que se acolleu ao regulamento de organización municipal para declarar que a instalación de monumentos é unha competencia exclusiva do Alcalde. Deste xeito, impediuse que os
representantes dos veciños puidesen votar e debater sobre o uso político do espazo público".
Publicidade
O voceiro municipal do PP, Rafael Rivadulla, amósase tallante ante a inauguración deste
sábado: “É lamentable que o alcalde use a súa competencia exclusiva para saltarse o sentir maioritario dos arzuáns. Pero máis triste é ver como os seus socios de Alternativa e o PSOE baixan a cabeza. Puxéronse de acordo para cobrar os seus soldos, pero son incapaces de poñerse de acordo para evitar que Arzúa se converta nun escaparate do radicalismo do BNG”.
Rivadulla engade que “Arzúa non quere revolucións nin divisións, quere servizos e futuro”. O voceiro popular concluíu reafirmando o compromiso da súa formación: “En canto o Partido Popular goberne, retiraremos ese monólito que nada ten que ver con nós para substituílo por homenaxes a persoas que si traballaron e deixaron pegada na nosa comunidade”.
Publicidade
O PP de Arzúa insta á veciñanza "a non caer na provocación dun goberno que, ante a falta de xestión e proxectos industriais ou sociais, busca refuxio na propaganda e na confrontación ideolóxica".
NOTICIAS RELACIONADAS:
Arzúa instalará un monolito de Xosé Ramón Reboiras Noia no 50 aniversario do seu asasinato: https://www.ecosdacomarca.com/post/arz%C3%BAa-instalar%C3%A1-un-monolito-de-xos%C3%A9-ram%C3%B3n-reboiras-noia-no-50-aniversario-do-seu-asasinato
O PP de Arzúa rexeita a instalación dun monolito a Moncho Reboiras: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-arz%C3%BAa-rexeita-a-instalaci%C3%B3n-dun-monolito-a-moncho-reboiras
O BNG de Arzúa denuncia "a campaña de desinformación do PP" sobre a homenaxe a Reboiras: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-arz%C3%BAa-denuncia-a-campa%C3%B1a-de-desinformaci%C3%B3n-do-pp-sobre-a-homenaxe-a-reboiras








Comentarios