O PP de Agolada critica que o BNG "só cargue contra a Xunta tras unha importante reforma no colexio"
- ecosdacomarca

- 7 may
- 2 min de lectura
"Mentres cala ante a falta de mantemento do goberno local", engade
Ecos da Comarca/Agolada
O Partido Popular de Agolada quere manifestar o seu máis firme rexeitamento ás declaracións realizadas polo BNG en relación co estado do colexio do municipio, "que consideramos unha mostra evidente de falta de rigor e dunha actitude política difícil de xustificar".

"Resulta especialmente rechamante que o BNG, da man do goberno local, se dedique a criticar unha importante inversión realizada pola Xunta de Galicia —superior aos 600.000 euros— destinada precisamente á mellora das instalacións do centro educativo. Unha actuación que demostra o compromiso claro do Goberno autonómico coa educación pública e con Agolada". O que o BNG, apunta o PP, "omite deliberadamente é que moitos dos problemas que agora denuncian non teñen a súa orixe na reforma, senón na evidente falta de mantemento por parte do propio Concello. É coñecido que as canaletas están cheas de terra e follas, que non existe un mantemento mínimo das instalacións e que, nestas condicións, calquera investimento perde eficacia co paso do tempo".
Por moito, subliña, "que a Xunta invista en mellorar infraestruturas, se o Concello non cumpre coas súas obrigas básicas de conservación, é absolutamente imposible garantir que as instalacións se manteñan en condicións axeitadas".
PUBLICIDADE
A voceira do PP de Agolada, Carmen Seijas, sinala que “é unha absoluta falta de responsabilidade que o BNG pretenda enganar á veciñanza cargando unicamente contra a Xunta cando é evidente que o problema real está na ausencia de mantemento por parte do goberno local”. Ademais, engade que “non se pode pretender que unha inversión desta magnitude dea resultados se despois o Concello non fai o seu traballo máis básico, como é conservar as instalacións en condicións”.
Seijas tamén destacou que “o máis preocupante é o silencio cómplice do BNG cos seus ‘novos amigos’ no goberno municipal, aos que non lles esixe absolutamente nada, mentres centra todos os seus ataques no Partido Popular”, e concluíu que “estamos ante unha nova mostra de que o BNG xa está en campaña electoral permanente”.
PUBLICIDADE
Dende o Partido Popular de Agolada esixen "responsabilidade, rigor e, sobre todo, que cada administración asuma as súas competencias. A veciñanza merece solucións reais, non confrontación política interesada".
O que dixo o BNG: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-esixe-soluci%C3%B3ns-urxentes-%C3%A1s-graves-deficiencias-do-colexio-de-agolada-tras-a-reforma








Comentarios