O PP cruceño oponse á subida do IBI proposta polo goberno local de “Xuntos polo Noso Concello”
- ecosdacomarca
- 26 sept 2024
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces expresa o seu firme rexeitamento á proposta de subida do Imposto de Bens Inmobles (recibo contribución urbana), que será debatida no próximo pleno municipal. "Esta medida, impulsada polo actual goberno local de “Xuntos polo Noso Concello”, non só contradí o aprobado o pasado 2 de outubro de 2023, cando o noso partido solicitou a bonificación do IBI mentres non se aprobara o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) e se regularizan os núcleos rurais, senón que tamén amosa unha falta de responsabilidade cara aos veciños".

O goberno, explican os populares, "xustifica esta subida no aumento do gasto relacionado co servizo SAF. Con todo, é importante lembrar que o ano pasado se regularizou este imposto, o que supuxo un ingreso adicional de aproximadamente case 150.000 euros anuais, cifra que xa contribúe a paliar en gran medida a subida deste servizo. Esta situación pon de manifesto a falta de planificación e xestión deste goberno local que quere seguir enganado os veciños de Vila de Cruces poñendo como escusa o servizo SAF".
O Partido Popular de Vila de Cruces fala de "despilfarro de recursos públicos en conceptos máis que cuestionables como asesores de comunicación, asesores xurídicos, campañas electorais...que mermaron e seguen mermando significativamente as arcas municipais e nos que o señor alcalde non pensa reducir e si subirlle os impostos os veciños. En contraste, temas fundamentais para o benestar dos nosos veciños, como a aprobación definitiva do PXOM, o polígono agroforestal de Aguillóns, o cemiterio de Añobre, a posta en marcha do centro de día, as axudas ao comercio local de Vila de Cruces, as axudas escolares para o inicio do curso, as iniciativas para a promoción turística do municipio, as axudas para as festas patronais (agás para Cruces que se meteron a través dun plan da Deputación) etc, todo isto segue sen avanzar moito a noso pesar, e as únicas iniciativas e seguir co despilfarro das arcas públicas".
Publicidade
"É inaceptable", recalca o PP, "que, mentres se despilfarra o diñeiro en "chiringuitos" do alcalde, as necesidades reais e urxentes da cidadanía queden sen atención. Esta situación é o resultado da mala xestión dos últimos anos por parte do goberno local, que
vaciou as arcas municipais en mas de dous millóns de euros sen ter levado a cabo nin a mínima infraestrutura importante para o municipio, ¿onde vai este diñeiro? ¿iría para tapar débedas do pasado?".
Desde o Partido Popular, instan ao goberno local a reconsiderar esta subida do IBI e que a saque da orde do día e deixe sen efecto esa proposta e priorice as necesidades reais dos veciños de Vila de Cruces. "Basta xa do saqueo das arcas municipais para chiringuitos que nunca foron necesarios e de decisións que prexudican aos nosos veciños!", conclúen os populares.
Comments