top of page

O PP cruceño informa que a Xunta xa se achegou ata o CEIP Cerdeiriñas para atender as demandas

"Comunicáronnos que o Xefe da Unidade Técnica desprazouse a este colexio co deseño das obras que solicitaron, entre as que destaca o arranxo dos baños do segundo andar e as obras do ximnasio, entre outras", sinalan os populares


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O PP de Vila de Cruces asegura que a Xunta xa se desprazou ao CEIP Cerdeiriñas de Piloño para atender as demandas solicitadas e levar a cabo así distintas melloras no centro educativo, polo que agradece ao conselleiro de Educación e recrimina ao goberno local.

"O actual equipo de desgoberno, atrévese a sacar no seu xornal “gratuíto” de información municipal do mes de febreiro a falta de compromiso do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia coa Educación de Vila de Cruces, acusando a Román Rodríguez de desprazarse para ofrecer promesas ós hostaleiros e asociacións ante a chegada das eleccións. Desde o Partido Popular, queremos recordar que o conselleiro desprazouse ata o municipio con motivo do evento organizado Conversas co sector da hostalaría, turismo e cultura, que pretendía achegar novas propostas ós distintos sectores, escoitando e tendo en conta as ideas e aportacións das persoas asistentes. Nese encontro, a nosa compañeira Vanessa Trigás aproveitou a ocasión para trasladar as necesidades urxentes dos centros educativos do municipio, sendo acollidas polo conselleiro de maneira favorable", explica o PP.


E lamenta que "no canto de alegrarse por conseguir as tan ansiadas melloras, o equipo de goberno, dedícase a difamar ó conselleiro e ó noso portavoz manifestando que en

innumerables ocasións solicitaron solucións para a situación deste colexio sen obter

ningunha resposta, queixándose de ignorar os intereses dos cidadáns. Pero, mais ben sería a falta de interese e competencia para realizar as solicitudes e tramitacións por parte do goberno local".

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Pois ben, esta semana. adianta o PP, "comunicáronnos que o Xefe da Unidade Técnica xa se achegou ata o CEIP Cerdeiriñas co deseño das obras que solicitaron, entre as que

destaca o arranxo dos baños do segundo andar e as obras do ximnasio, entre outras. Desde o Partido Popular queremos agradecer o compromiso do conselleiro que está

cumprindo coa súa palabra. Continuaremos solicitando á Consellería de Cultura,

Educación, Formación Profesional e Universidades as melloras tanto do CEIP

Cerdeiriñas de Piloño como do CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, ó

igual que proseguiremos demandando a implantación do ciclo de Enerxías renovables no IES Marco do Camballón, co fin de mellorar a formación e educación dos nosos rapaces e rapazas, porque a educación é a clave para a modernización dun pobo", recalca.


Así mesmo, sinala que "recomendámoslle ó equipo de goberno que destine outro tipo de contido máis agradable e apropiado no seu xornal “gratuíto”, en vez de lanzar constantes

difamacións contra o noso partido. Unha publicación en base ós intereses do señor

alcalde e das empresas do seu asesor de comunicación. Unha forma máis de sacar

diñeiro das arcas públicas. Un xornal “gratuíto” que pagamos tódolos cruceños por

partida dobre: cando o seu asesor redacta e, posteriormente, cando realizan a publicación.

Señor alcalde, invitámolo a que faga a seguinte reflexión: ¿Os seus veciños preferirán

que se invirta en asesores de comunicación ou en formación e educación? Un rexedor que se dedica á política caciquil e ó asoballamento dos seus veciños e veciñas, que non promove a formación nin a educación, moi pouco se pode esperar".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page