O PP cruceño avoga "por un futuro máis sostible para o concello e participativo nas inversións municipais"
- ecosdacomarca
- 27 feb
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces quere manifestar a súa satisfacción pola decisión da Deputación de Pontevedra, gobernada polo Partido Popular, de investir 700.000 euros do Plan Extra na humanización da rúa Neira Vilas, a travesía Vázquez e a rúa Sergio Iglesias Pazos. "Esta actuación é un paso importante para mellorar a infraestrutura do noso municipio e a calidade de vida dos nosos veciños. Non obstante, a nosa formación política quere sinalar a súa preocupación polo feito de que esta intervención foi improvisada polo actual equipo de goberno. A falta de diálogo e
consulta cos veciños de Vila de Cruces durante o proceso de planificación é evidente".

Como exemplo diso, sinala que "alertamos que o lado da rúa da farmacia na rúa Sergio Iglesias quedará sen aparcamento como puidemos observar no proxecto presentado, repetindo os mesmos erros da intervención na rúa Vázquez. Esta situación non só afectará á comodidade dos nosos veciños, senón que tamén repercute negativamente no comercio local. Desde o Partido Popular, consideramos fundamental que as decisións que se tomen no Concello reflictan as verdadeiras necesidades do noso municipio".
Desde o Partido Popular, recorda que durante o prazo de solicitudes para o Plan Extra da Deputación, "o noso grupo presentou alternativas que erguían a voz sobre as verdadeiras necesidades dos veciños e as oportunidades de futuro para Vila de Cruces, como é o Polígono Agroforestal de Aguillóns, o cal favorecería a creación de postos de traballo e fixaría poboación no noso municipio, algo que dende o goberno actual non se ten ningunha folla de ruta, o que nos vai levar en cuestión de meses a ser un Concello de 3ª Categoría".
"Insistimos en que necesitamos un enfoque máis inclusivo e participado na planificación das actuacións que afectan á nosa veciñanza. A nosa poboación non pode sentirse excluída de decisións que impactan nas súas vidas diarias. É imprescindible que o goberno local considere alternativas como as do Partido Popular para garantir un desenvolvemento equitativo e sostible, que beneficie a todos os veciños. Comprometémonos a seguir traballando con determinación para que as futuras decisións do Concello se alineen coas necesidades reais da nosa veciñanza. Queremos unha Vila de Cruces onde todos podamos desfrutar dunha vida digna, activa e participativa".
Comentarios