Asegura que "unha veciña de Merza sufriu unha caída na beirarrúa que vai cara á área recreativa de A Carixa debido a unhas baldosas que se atopan levantadas"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia "o lamentable estado no que se atopan as beirarrúas da parroquia de Merza". Sinala que "os veciños están cansos de contactar co Concello para que lles arranxe as beirarrúas, debido ó perigo que supón para un cativo, unha persoa maior ou calquera outro viandante; incluso, os visitantes e turistas que se achegan á parroquia de Merza para desfrutar do seu entorno, quedan avergoñados de
semellante estampa".

Concretamente, asegura que "unha veciña de Merza, sufriu unha caída na beirarrúa que vai cara á área recreativa de A Carixa, no lugar de Reboredo, debido a unhas baldosas que se atopan levantadas, sufrindo danos de carácter persoal como contusións, fractura de muñeca e rotura de lentes".
Desde o Partido Popular, indican que "temos constancia desta e outras queixas, así como das reclamacións presentadas desde finais do mes de xaneiro. A pesar das numerosas peticións por parte dos veciños e veciñas, ninguén do Concello se achegou ó lugar; de feito, os propios veciños decidiron colocar unha prancha de madeira para ocultar o burato e reducir o perigo. Algunha persoa, chegounos a comentar “se deixará esa desfeita coa idea de construír outras beirarrúas tan anchas como as do casco urbano de Vila de Cruces”".
Ante isto, o PP lamenta que "o equipo de goberno abandone de semellante maneira ós seus veciños e veciñas, poñéndoos en perigo polo seu sentimento de rancor cara esta parroquia". Por tanto, insta "a que proceda na maior celeridade á mellora das beirarrúas para evitar danos maiores". Pero ademais recalca que "as beirarrúas de Merza non son as únicas que supoñen un perigo e un custe, xa que moitas estradas tamén se atopan nun estado lamentable. Unha veciña do municipio reclama danos no seu vehículo tras pasar por riba dunha fochanca mentres circulaba pola estrada secundaria pertencente ó Concello de Vila de Cruces, preto de Ollares; e outro veciño, tamén reclama danos por parte do Concello. Todas estas reclamacións poden sobrepasar cerca dos 12.000 euros pola desidia do rexedor".
E insiste en que "é abraiante o despilfarro que se está levando a cabo nestes días, preto de 86.000 euros, a maioría para formigón; así como a política caciquil que se está empregando, obrigando ós obreiros do Plan Concellos da Deputación a ampliar a súa xornada laboral fóra da cobertura legal para interese do señor alcalde. E, namentres, non hai tempo nin obreiros para arranxar as beirarrúas. Ver para crer."
Comentários