O PP cruceño acusa ao alcalde de "reter obras públicas para sacar rendimento político a costa dos veciños"
- ecosdacomarca

- 4 may
- 2 min de lectura
Sinala que "está a retrasar de maneira deliberada a execución de obras fundamentais en viais municipais co único obxectivo de utilizalas como ferramenta electoral de cara ás vindeiras eleccións"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia unha práctica "absolutamente inaceptable" por parte do alcalde, Luis Taboada, "que está a retrasar de maneira deliberada a execución de obras fundamentais en viais municipais co único obxectivo de utilizalas como ferramenta electoral de cara ás vindeiras eleccións". "Estamos a falar entre outras de actuacións incluídas no Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra, financiadas ao 100% por esta administración, e que xa deberían estar rematadas e ao servizo dos veciños".

Sen embargo, apunta o PP, "o goberno local opta por paralizalas mentres moitos destes camiños presentan un estado lamentable, con problemas de acceso e incluso situacións de intransitabilidade que afectan directamente ao día a día da veciñanza". Entre os viais, afectados, apunta, atópanse a mellora da capa de rodadura en Cirela – Gres, o camiño de Gieral en Camanzo, o camiño xunto o Auditorio – Merza, un camiño en Santomé de Obra, o camiño en A lama na parroquia de Sabrexo, dous camiños en Cumeiro e un en Larazo, "todos eles exemplos claros dunha xestión que non responde ás necesidades reais, senón a unha estratexia política perfectamente calculada".
PUBLICIDADE
O máis grave desta situación, sinalan os populares, "é que non se trata dunha falta de capacidade nin de recursos, xa que as obras están financiadas, senón dunha decisión consciente de reter investimentos públicos para facelos coincidir co calendario electoral. Mentres tanto, os veciños seguen sufrindo as consecuencias dunha rede viaria deteriorada, insegura e abandonada, converténdose en vítimas dunha forma de gobernar na que o interese particular do alcalde pesa máis ca o benestar xeral".
PUBLICIDADE
Dende o Partido Popular de Vila de Cruces consideran "que esta forma de actuar caciquil supón un desprezo absoluto polos veciños e unha utilización intolerable dos recursos públicos con fins partidistas. Vila de Cruces non pode permitirse un goberno que administra os tempos das obras en función do seu propio beneficio político e non das necesidades reais da xente. Seguiremos denunciando esta situación e esixindo que estas actuacións se executen de inmediato, porque os veciños non poden seguir esperando mentres o alcalde fai cálculos electorais. Os veciños merecen solucións, non estratexias políticas", conclúe o PP.








Comentarios