Califica as propostas para a mocidade do PP en Galicia como “as mellores de España” coa universidade e o transporte gratis e amplas axudas para vivenda, deporte e emprego
Ecos da Comarca/Deza
O candidato popular da Estrada, Gonzalo Louzao, vén de presentar, acompañado dos demais candidatos xóvenes de Pontevedra, as propostas para a mocidade do PP de Galicia para a vindeira lexislatura e calificounas como “as mellores de España”, posto que inclúen a gratuidade da matrícula universitaria e do transporte público -que xa está vixente- e numerosas liñas de axudas para acceso á vivenda, deporte, emprego, emprendemento e lecer.
“A Xunta, con Alfonso Rueda ao fronte, demostrou todos estes anos a súa decidida aposta pola mocidade con numerosas políticas moi acaídas para o noso colectivo, pero ademais o Partido Popular segue implementando, mellorando, ampliando e innovando máis accións para converter a Galicia, sen dúbida, no mellor lugar de España para que os xóvenes desenvolvamos o noso proxecto de vida”, manifestou o integrante da lista pola provincia de Pontevedra.
Gonzalo Louzao detallou todas estas medidas e os seus beneficios para os mozos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, sinalando que os 1.400 universitarios que adoitan ter estas bisbarras vanse beneficiar desde o vindeiro curso, se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta o 18 de febreiro, da primeira matrícula de balde en todas as materias dos graos, o que supón unha achega de ata 1,1 millóns de euros anuais.
O tamén concelleiro estradense salientou outras vantaxes da política xuvenil da Xunta, como os 3.479 mozos de Deza e Tabeirós que se benefician da gratuidade no transporte público grazas á Tarxeta Xente Nova. En concreto, está a ser empregada na actualidade por 1.542 xóvenes de ata 21 anos da Estrada, 1.002 de Lalín, 411 de Silleda, 227 de Vila de Cruces, 101 de Forcarei, 97 de Rodeiro, 78 de Agolada e 21 de Dozón.
No eido da mobilidade, recalcou tamén que o PP, desde a Xunta, ofrece a posibilidade de colaborar economicamente cos mozos desempregados de ata 30 anos para a obtención do carné de conducir con axudas de 400 euros para o permiso de turismos e ata 1.300 no caso de camións. Dita subvención ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de setembro e conta cunha partida de 800.000 euros.
Publicidade
Así mesmo, Louzao lembrou as novas medidas en materia de vivenda, como as axudas para o alugueiro, que poden alcanzar ata o 60% da renda para persoas de ata 35 anos con ingresos de ata 25.200 euros, ou os avais para a compra dunha casa, cunha cifra máxima de 48.000 euros, que se estreou o pasado ano con 1,4 millóns de euros e que anunciou que vai ter unha nova convocatoria no presente 2024.
O candidato popular debullou as medidas do PP en materia laboral e de emprendemento xuvenil, entre as que figuran os Programas de Emprego para Persoas Mozas, que se están a despregar por 26 localidades do territorio, ou a Cota Autónomo Cero, que se vai estrear no presente ano coa asunción por parte da Xunta das cotizacións dos primeiros doce meses, “que é algo que beneficia enormemente aos moitos xóvenes de Deza e Tabeirós-Montes que queren emprender, xa que outorga moita tranquilidade para iniciar un proxecto”, grazas a unha partida de 9,6 millóns de euros que beneficiará a unhas 10.000 persoas en toda Galicia, moitas delas menores de 35 anos.
Ademais, as achegas para os autónomos poden alcanzar ata 8.600 euros anuais coas liñas abertas para sufragar os gastos de primeira actividade, “o que demostra que, grazas ao PP, Galicia é unha terra de oportunidades, que cada vez son máis amplas e que serven de trampolín a moitos mozos e mozas destes oito concellos do norte provincial, ao tempo que favorecen o retorno de moitos emigrantes ou dos seus descendentes, nunha contorna que ten moita xente no exterior, tamén no rango de idade xuvenil”.
Nesta materia, Louzao engadíu que, xa no ramo de sectores máis especializados, a Xunta conta desde hai anos co Programa de Incorporación de Mozos ao Sector Agrogandeiro, dotado con 19 millóns para o presente 2024 e que supón unha gran inxección económica cada ano en Deza e Tabeirós, e recalcou que cada ano vaise dotando de máis cartos “para favorecer que as novas xeracións vaian atopando o seu traballo nun sector estratéxico desde o punto de vista económico e identitario”.
Publicidade
Tamén se referíu á conciliación e ás aportacións autonómicas para a conformación dunha familia, “que son fundamentais para que os xóvenes destas comarcas deamos o paso con certo respaldo nun momento no que, paralelamente, comezamos a nosa vida laboral”. Ao respecto, destacou sobre todo a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia, entre moitas outras.
Ademais, o programa xuvenil do PP galego para a vindeira lexislatura tamén inclúe un plan específico de promoción da saúde mental e de prevención do suicidio entre a poboación moza co obxectivo de atender unha das principais cuestións para este colectivo en materia sanitaria.
Publicidade
Finalmente, entre as 20 grandes iniciativas do PP de Galicia en materia xuvenil tamén figuran outras vencelladas co lecer e os hábitos saudables, entre as que destacou o recén posto en marcha Bono Deporte, que suporá unha achega de 120 euros para compra de material ou clases para todos os cativos de 6 a 16 anos que estean federados ou adheridos ao programa Xogade da Xunta.
Nesta área, o candidato estradense tamén destacou as vantaxes para a mocidade dos bonos Cultura e Turismo, as moitas actividades lúdicas da Dirección Xeral de Xuventude que se espallan ao longo de todo o ano, os Puntos de Información Xuvenil, a ampliación de servizos do Carné Xove -que agora se envía automaticamente aos beneficiarios- ou a histórica e crecente oferta de campamentos, campos de traballo e accións de voluntariado.
Onde tiñan guardadas as propostas,tranquilos despois faltarán cartos brazos cuartos.A letra pequeña na que son mestres