A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou a Feira
Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias que se celebra en Silleda e que
conta co apoio da Xunta de Galicia
Laura Moure/Silleda
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou este mércores a segunda edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo) que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda onde destacou as capacidades das solucións baseadas en tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados no eido das emerxencias.
Máis de 200 firmas de 24 países participan nesta edición de Sedexpo, que abriu este martes as súas portas. O Polo Aeroespacial de Galicia conta cun espazo propio na área de
exposicións na que hai unha importante presenza de empresas e centros de coñecemento
do ecosistema como Airbus, Catec, Aeromedia – Umiles, Beagle e o Instituto Tecnológico
de Galicia.
No programa de actividades presentáronse onte tres solucións con tecnoloxías de
vehículos e sistemas non tripulados desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia
aplicadas ao sector das emerxencias, en dúas mesas redondas moderadas por un
representante da Axencia Galega de Innovación, que tiveron lugar na sala Civil UAVs
Initiative.
O primeiro deles é unha solución innovadora para a localización de persoas extraviadas
por medio de drons e intelixencia artificial, desenvolvida por Indra, Aeromedia e o Instituto
Tecnológico de Galicia. O sistema, denominado DroneFinder, lanza un aviso directo aos
sistemas de emerxencias, reducindo ao mínimo os tempos de resposta e optimizando os
recursos empregados na busca, contribuíndo así, a salvar vidas.
A continuación, presentáronse dúas solucións con aplicacións na área das emerxencias
que se están a desenvolver no marco da Business Factory Aero (BFAero), o programa de
incubación, aceleración e consolidación de proxectos innovadores no eido dos vehículos
non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.
Publicidade
O proxecto ACRE (Área de Control Restrinxida de Emerxencias) da empresa Vig-Sec
Drone, é un software de xestión do espazo aéreo de emerxencias, enfocado de forma específica nos incendios forestais, que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e
non tripuladas. Valorado pola súa singularidade para o ecosistema aeronáutico galego,
este proxecto foi seleccionado no itinerario de aceleración da 5ª edición da Business
Factory Aero. Tamén participou en ViaGalicia e recibiu financiamento do programa de
Recuperación Excelencia Neotec de Galicia.
Pola súa parte, Beagle Technology accedeu ao itinerario de consolidación da 5ª edición da
Business Factory Aero cun proxecto que xa pasou polo itinerario de aceleración da 4ª
convocatoria. É unha solución de hardware e software que permite ofrecer información
situacional mellorada en operacións de emerxencias (imaxe aérea integrada en vista
tridimensional, vehículos e recursos móbiles xeoposicionados, información completa e
rápida e sinxeleza de uso) co obxectivo de facilitar a coordinación de medios e a toma de
decisións.
Publicidade
Os vehículos e sistemas non tripulados están a ter unha importante presenza en Sedexpo
2023, tanto no programa de conferencias como na área de exhibicións, na que se realizará
un exercicio-simulacro sobre as futuras capacidades da unidade operativa de drons da
Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na busca de persoas desaparecidas,
organizado pola Xunta de Galicia.
No novo período estratéxico iniciado en 2021 téñense mobilizado ata a data no Polo
Aeroespacial de Galicia 106,12 M€ de investimento público e son xa máis de 100 os
axentes do ecosistema do segmento dos vehículos non tripulados, entre eles, grandes
empresas tractoras como Airbus, Avincis, Telespazio, GMV e Telefónica. Ademais, un total de 31 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde 2018 ata a actualidade.
Comments