top of page

O polbo e o rabo de vaca triunfan na celebración na Bandeira do Día da Empanada

A votación popular fixo vencedor da I Ruta da Empanada a Hotel Victorino e á súa empanada de polbo; a Vinoteca Cadeira quedou segunda e o Café Bar Arume, terceiro


Laura Moure/Silleda

A localidade silledense de A Bandeira celebrou o pasado venres o Día Mundial da Empanada cun éxito absoluto segundo a organización; así o confirmou Andrés Seoane, presidente da Asociación Amigos da Empanada, que promete novas edicións ante “un cheo total en todos os bares da vila, con xente chegada de vilas como Silleda, Lalín ou A Estrada” e que “superaron as previsións máis optimistas, deixando a case todos os establecementos sen empanadas chegadas as dez da noite”.


O Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira tamén se quedou pequeno para acoller unha interesante mesa de debate na que os poñentes destacaron a necesidade de que as institucións públicas realicen un esforzo extra para que Bandeira lidere a promoción da empanada galega no país e fóra das fronteiras nacionais, sendo a consecución do Interese Turístico Nacional unha prioridade que logre unir Bandeira e empanada baixo un mesmo concepto. Por outra banda, destacouse a necesidade de atraer inversión privada á vila co propósito de inaugurar un forno en plena Vía da Prata do Camiño de Santiago e de crear un forno comunitario que manteña viva a fórmula tradicional de creación de empanadas, sobre todo nas novas xeracións, mediante a realización de obradoiros e talleres. Ademais, houbo unanimidade á hora de reclamar unha maior implicación da hostalería da zona e de converter a Asociación Amigos da Empanada nun ente que vaia máis alá da Festa da Empanada, potenciando este produto durante os doce meses do ano con diversas iniciativas.

Autor: Tania Barral.

O acto, que pechou co himno galego, deu paso a unha concorrida Ruta da Empanada amenizada polos grupos de música tradicional galega Xirandola (Bandeira) e Punteirolo (Vila de Cruces). A veciñanza puido valorar as empanadas a través dun código QR, resultando como vencedores os seguintes establecementos:

  • Hotel Victorino – empanada de polbo (4,23 / 5).

  • Vinoteca Cadeira – empanada de rabo de vaca de Bandeira (4,12 / 5).

  • Café Bar Arume – empanadas de coello e luriñas (3,95 / 5)

É de destacar que se rexistraron máis de 300 votos e todas as empanadas lograron o aprobado da crítica popular. A Asociación Amigos da Empanada, anunciará nos vindeiros días un gran evento que terá lugar en Bandeira o sábado 28 de maio, animando a reservar a data nas axendas.


Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page