top of page

O Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda) súmase ao Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía

Máis de 1.200 alumnos participarán este novo curso nesta iniciativa que supón o primeiro contacto coa universidade en eidos como as matemáticas ou a enxeñaría


Laura Moure/Silleda

O Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMbach, acadará neste novo curso por primeira vez os 60 centros participantes. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de incorporar seis novos centros educativos a este programa, a través do que se promove o desenvolvemento de competencias STEM (acrónimo das áreas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), entre o alumnado galego durante esta etapa formativa.


Estas incorporacións súmanse aos 54 centros escolares que desenvolvían xa esta iniciativa e que deciden renovar a súa participación. Deste xeito, a estimación é que neste novo curso escolar estean implicados nesta liña máis de 1.200 alumnos.

Os novos centros STEMBach son os institutos Gregorio Fernández (Sarria), Dionisio Gamallo (Ribadeo), Otero Pedrayo (Ourense), Ribeira do Louro (O Porriño) e Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), así como o Colexio Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense).


A Xunta implantou este programa por primeira vez no curso 2018/2019 e foise consolidando ata as cifras actuais, cun 54,4% de participantes mulleres e un 45,6% de homes, o que contribúe a minorar as brechas de xénero neste eido. Ademais, desde o punto de vista cualitativo, os proxectos defendidos polo alumnado ante un xurado cada final de curso están acadando cada vez máis cotas de maior nivel e especialización.


Proxecto de investigación

O programa ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia. Isto permite que, antes da súa incorporación á universidade, xa teñen un primeiro contacto con ela.


Melloras no programa

A Xunta introduciu nos últimos cursos diversas melloras no programa para enriquecer a experiencia do alumnado. Grazas a isto, todos os centros, o profesorado e o alumnado reciben un recoñecemento e mención da súa participación na iniciativa e os mellores proxectos de investigación reciben un premio especial e distintivo co obxectivo de remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polos estudantes de STEMbach.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, no marco deste paquete de novidades inclúese o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado, polo que os estudantes que superan o programa e se matriculan posteriormente nalgunha das universidades públicas galegas ven recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poden obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e ata un máximo de 6 créditos ECTS.

 
 
 

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page