O Pleno de Arzúa aproba unha moción para reclamar á Xunta a mellora do transporte público na comarca
- ecosdacomarca
- 8 jun
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Pleno do Concello de Arzúa aprobou este xoves unha moción na que se insta á Xunta de Galiza a mellorar de maneira urxente a situación do transporte público no municipio e na súa contorna, co obxectivo de garantir unha mobilidade digna, segura e adaptada ás necesidades reais da veciñanza. A proposta saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do BNG, Alternativa por Arzúa e PSOE.

A iniciativa, impulsada polo grupo municipal do BNG, reclama a posta en marcha dunha liña de autobús directa e regular entre Arzúa e os hospitais públicos de Santiago de Compostela, con tres frecuencias diarias: unha de mañá, unha ao mediodía e outra á última hora da tarde. Esta medida xa fora solicitada conxuntamente polos alcaldes de Arzúa, Melide e Santiso, diante da necesidade de garantir un acceso digno á sanidade pública para pacientes, acompañantes e persoal sanitario.
Durante o debate plenario, tamén se puxo de manifesto a insuficiencia da actual liña que conecta Arzúa con Santiago de Compostela, que só conta con dúas saídas ao día en días laborais e carece completamente de servizo os domingos. O Pleno considera que esta situación dificulta o acceso a servizos básicos, estudos e traballo, obrigando a moitas persoas a depender do vehículo privado.
Publicidade
Outro dos puntos recollidos na moción fai referencia ás conexións entre varias parroquias limítrofes con Boimorto e a cidade da Coruña. Actualmente, este servizo funciona baixo o sistema de “transporte a demanda”, o que dificulta a súa utilización regular, especialmente entre a poboación maior. O Concello solicita que esta liña pase a contar con frecuencias fixas e garantidas, que permitan desprazarse sen ter que solicitar previamente o servizo.
A moción aprobada inclúe tamén a petición de que Arzúa forme parte das políticas de bonificacións da Xunta no transporte público, garantindo que poidan empregarse con normalidade por parte da veciñanza do municipio.
Desde o Concello de Arzúa sublíñase que estas melloras son necesarias para garantir a igualdade de acceso aos servizos públicos, evitar situacións de illamento e favorecer a cohesión territorial. Os acordos aprobados serán trasladados á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, á Dirección Xeral de Mobilidade e aos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galiza.
Comments