top of page

"O pleno confirma a falsidade das cifras da “restauración integral” de augas da mina de Touro"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non fala de "1,9 millóns ficticios a 38.146 euros reais"


Ecos da Comarca/Touro

A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non asegura que as gravacións do encontro municipal do pasado día 18 no Concello de Touro "confirman que o proxecto de drenaxe publicitado pola mineira o pasado 10 de marzo depende únicamente da mercantil Explotaciones Gallegas, non coincide co anuncio da empresa extractiva e só aporta ao Concello 762 euros en concepto de imposto sobre construccións, instalacións e obras".


Ante isto, recalca que " é diametralmente oposto ao anuncio realizado por Cobre San Rafael e a súa pretendida “rehabilitación integral” de augas cun suposto investimento de 1,9 millóns de euros cando en realidade o desembolso é de Explotaciones Gallegas S.L. e a cifra exacta é en realidade de 38.146 euros, o que equipara os traballos a unha obra de saneamento de carácter menor a nivel municipal, moi lonxe da actuación a gran escala publicitada pola mineira".

Deste xeito, apunta que "o anuncio de que a empresa asume un proxecto millonario “como parte do seu compromiso pola contorna e como unha aposta pola sostenibilidade” quédase en puro fume, máis tendo en conta que o citado proxecto de “restauración integral” de augas deixa fóra extensas zonas de canles e marxes fluviais onde se acumulan millóns de toneladas de lodos de arrastre contaminados por metais pesados procedentes da antiga mina de cobre".


Doutra banda, a Plataforma veciñal Cornado Mina Non non pode menos que mostrar o seu rexeitamento ás actuacións da empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L., tamén vinculada á mercantil Explotaciones Gallegas, "pois a raíz do pleno municipal celebrado este 18 de marzo vén de acreditarse que logo da inspección por parte da Administración local que na actualidade a planta de TEN S.L. atópase nunha situación de ilegalidade urbanística ao constatarse que parte das súas instalacións seguen a carecer da preceptiva licenza de operación". E incide en que "esta situación de irregular levou ao Concello a incoar expediente de reposición de legalidade urbanística (código 2022/G003/000029) e forza á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, órgano competente na autorización ambiental integrada baixo a que opera TEN S.L., a actuar e adoptar medidas cautelares para que a mercantil deixe de operar á marxe da legalidade".

Nestas circunstancias TEN, "cunhas instalacións que moitas veciñas e veciños da comarca de Arzúa califican como “o maior váter de Galicia” polos prexuízos causados a poboación cos seus continuos cheiros e emisións contaminantes ao tratarse segundo o seu propios datos como o “maior xestor” de lodos de depuradora, é como está a tramitar a renovación e modificación unha autorización ambiental integrada coa que pretende duplicar na práctica a súa capacidade de recepción de residuos". Sen embargo, sinala que o decreto "que confirma a situación de ilegalidade urbanística operativa é incompatible coa autorización por parte do órgano de control ambiental dado que a Lei 6/21, de residuos e solos contaminados de Galicia no seu artigo 33 (Causas de denegación da solicitude de autorización) confirma que esta non é posible “cando as instalacións non fosen executadas de acordo cos proxectos técnicos presentados”.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page