top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares chegará a 765 centros, entre eles ao CEIP de Palas

Román Rodríguez sinala que a Xunta suma 27 novos centros a esta rede neste curso, dotada con máis de 1,5 millóns de euros para a renovación de equipamento e fondos


Laura Moure/Palas de Rei

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou este martes que a Xunta de Galicia deu a coñecer a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) para o curso 2021/22, no que se incorporan ao programa un total de 27 centros públicos, entre estes o CEIP de Palas de Rei. Con estas incorporacións, que poden consultarse xa no Diario Oficial de Galicia (DOG), nestes momentos forman parte desta rede un total de 765 centros, dos que 729 son públicos e 36 privados concertados. O anuncio fíxoo nunha visita ao colexio CEIP Flavia, en Padrón, no que se fará unha rehabilitación por importe de case un millón de euros.

Tal e como explicou o conselleiro en Padrón, “o programa de referencia do Plan Lía de Bibliotecas Escolares do Goberno galego incrementa ademais este ano o seu orzamento nun 12,5%, ata chegar aos 1.565.000€, 175.000€ máis ca no curso anterior”, confirmando a aposta do Goberno galego polas bibliotecas como “o corazón dos centros”. Este incremento, remarcou o representante do Goberno galego, “enmárcase na liña de reforzo de tres millóns de euros en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura da Xunta de Galicia neste ano 2021”. Neste sentido, artelláronse diferentes actuacións como o lanzamento dunha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no PLAMBE, o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ou a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de Educación Primaria.


Román Rodríguez tamén explicou que a flexibilización dalgunhas medidas no novo curso que comeza permitirán recuperar espazos nos centros escolares como as bibliotecas, reconvertidas nalgúns casos en bibliotecas escolares o pasado ano pola covid-19. Isto, como afirmou, facilitará a prestación de servizos vinculados con programas de innovación educativa, entre outros.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page