top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Pino ten en marcha o VIII Nadal Benéfico e programa outra festa para as tardes dos días 11 e 12

O 4 actuará Manoele de Felisa e o 26 será a quenda da Banda de Música de Arca

Laura Moure/O Pino

O Concello de O Pino ten en marcha a oitava edición do Nadal Benéfico para recoller alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene persoal e de limpeza que o resto do ano o departamento de Servizos Sociais distribúe entre as familias con menos recursos. Para estas festas, a Concellaría de Cultura ten programada un amplo abano de actividades para pequenos e maiores, que inclúen a visita de Papá Noel aos centros educativos do municipio; a terceira Festa de Nadal e unha quedada tecedora para a fin de semana do 11 e 12 de decembro. A Banda de Música de Arca ofrecerá o tradicional concerto de Nadal o domingo 26.


No ano 2014 o Concello de O Pino poñía en marcha unha campaña para que a veciñanza e visitantes puidesen colaborar con aquelas familias do municipio que pasan por momentos de dificultade, aportando alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e de limpeza, que se depositaban nun caixón situado na Casa da Cultura ata o 31 de xaneiro —aínda que se seguen admitindo en calquera data—, e que logo se gardan no almacén municipal.


A esta campaña de recollida sumáronse o ano pasado os tres supermercados que hai no Pedrouzo, que porán a disposición dos seus clientes un carriño no que deixar os seus donativos. Ademais de produtos de limpeza e hixiene persoal, pódese colaborar con comida enlatada, como fabas, lentellas, garavanzos, froitas en conserva ou potitos para bebés, que tamén serven para as persoas maiores; aceites, latas de conserva, pasta ou aqueles produtos non perecedoiros que sirvan para preparar comida. Tamén compresas, cueiros, xabón, ou calqueira produtos de hixiene.


Festa de Nadal e Quedada tecedora

Dentro da programación para estas datas tan especiais, a concellaría de Cultura ten preparada a terceira Festa de Nadal para a fin de semana do 11 e 12 de decembro nunha carpa que estará instalada na praza do Concello. Pequenos e maiores poderán gozar con xogos tradicionais, manualidades de Nadal, obradoiros de canón de confetti e macramé, globoflexia, e multixogos de realidade virtual, entre outras actividades, que se desenvolverán dende ás catro ata as sete da tarde.

Para repoñer forzas haberá chocolate e moitas sorpresas máis. E para rematar, o sábado 11 o grupo de teatro A Xanela do Maxín ofrecerá o espectáculo de títeres O apalpador e a nena sen medo a partir das 19:30 horas, na mesma carpa. O domingo, día 12, a Festa de Nadal do Pino rematará cun Concerto de Panxoliñas que ofrecerá a Agrupación Cultural Espadana Tradicional, e na que non faltarán os gaiteiros.


E mentres a cativada o pasa en grande, na propia carpa da praza do Concello está convocada unha Quedada Tecedora para todas e todos os amantes da calceta e do ganchillo para poder recuperar e transmitir vellas tradicións. Esta iniciativa tivo un grande éxito na súa primeira convocatoria no 2019 (o ano pasado non se puido celebrar pola pandemia da Covid-19). “Quen non lembra a súa avoa, nai ou tía cun novelo de lá sobre todo nas tardes de inverno?”, pregúntase Eva Varela. Con esta quedada tecedora preténdese favorecer que a veciñanza poida “compartir experiencias e sabedoría sobre o mundo da calceta e do ganchillo”, engade a concelleira.


Papá Noel visita os centros educativos

E coma todos os anos no Pino antes da vacacións de Nadal o alumnado máis novo da escola infantil A Galiña Azul, da unitaria de Gonzar e do CPI Camiño de Santiago recibirán a visita de Papa Noel e poderán trasladarlle as últimas peticións e recordarlle o ben que se portaron o resto do ano.


Comitiva dos Reis Magos

A música ten tamén o seu oco nesta programación de Nadal. O sábado, día 4, Manoele de Felisa ofrecerá na casa de cultura (20:00 horas) o seu Cancioneiro do Camiño, un concerto que estaba programado para o verán e que foi suspendido debido á incidencia da Covid-19 no municipio. E despois da Noiteboa, a Banda de Música de Arca ofrecerá o seu tradicional Concerto de Nadal. Será o domingo, 26, na casa de cultura.


As festas rematarán o 5 de xaneiro coa visita que a comitiva dos Reis Magos farán a todas as parroquias do Pino, antes de recibir aos nenos e nenas no polideportivo de Reboredo (Arca) a partir das sete e media da tarde.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page