O programa recolle unha feira de artesanía, exhibicións, obradoiros, música, actividades infantís, degustación de galo e xantar popular
Laura Moure/O Pino
O Pino recupera esta fin de semana a celebración da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, cun amplo e variado programa para todos os públicos que, ademais dos tradicionais certames de galo piñeiro e de cabalos, recolle unha feira de artesanía, exhibicións, obradoiros, degustación de galo, xantar popular, actividades para a cativada e moita música.
Bombas de palenque anunciarán o comezo da festa o sábado 6 de agosto, día que pechará cunha gran festa musical. Ás oito, actuará Dr. Queen nun concerto de tributo á banda de Freddie Mercury na praza do Concello e ás once, na praza de Forcarei, o Bruxo Queiman ofrecerá o espectáculo ‘Terras de Queimada’ con música en directo, o tradicional conxuro, lume e moita fantasía.
Xa o domingo 7 de agosto, tralas bombas abriranse a Mostra Cabalar (9.00 horas) e a XXI Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (10.00 horas). As rúas animaranse a partir das once da mañá coa actuación da charanga NBA e a apertura da Feira de postos de Artesanía de Galicia na praza de Forcarei. Durante toda a xornada, sucederanse exhibicións de forxa, tear, canteiría, arte de bolillos ou cantería, así como obradoiros de colgantes de madeira e de pasta de papel, e actividades e xogos para as crianzas, que poderán gozar de inchables, pintacaras ou globoflexia.

Chegará logo a celebración gastronómica coa degustación gratuíta de galo piñeiro (13:00 horas) e un xantar popular (15:00 horas). Non faltará a sesión vermú, que estará amenizada pola cantante de Luar Ruth Cundins, nin o pregón, que este ano correrá a cargo do delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, os amantes dos cabalos poderán desfrutar do espectáculo Duende ecuestre, que de seguro sorprenderá aos asistentes con exercicios de doma, baile ou toureo dacabalo.
Premios para os mellores galos e galiñas piñeiros
A XXI Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira do Pino repartirá premios para os tres mellores galos, as tres mellores galiñas, os dous mellores galos de curral e o mellor animal da exposición. As inscricións para participar faranse o domingo a partir das 9:30 horas na propia feira, na praza de Forcarei. A entrega de galardóns está programada para as 14:30 horas.
Pola súa parte, a entrega de premios aos gañadores da XXI Mostra Cabalar farase ás 18:45 horas.
Comments