Laura Moure/Comarca de Arzúa
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde do Pino, Manuel Taboada, visitaron a biblioteca municipal do centro sociocultural, Luis Seoane, no que a Xunta de Galicia investirá 18.718 euros para ampliar a área infantil e para adquirir materiais de novas tecnoloxías.
Trenor destacou que este apoio encádrase dentro das axudas destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais dos concellos dirixidos a actividades de carácter cultural, por importe de 500.000 euros para toda Galicia da que se beneficiaron 40 concellos. No caso concreto da comarca de Santiago, o Goberno galego investirá case 70.000 euros en equipamentos culturais dos concellos de O Pino, Ordes, Padrón, Santa Comba, Teo, Touro e Val do Dubra. Na provincia beneficiáronse desta orde de axudas 13 concellos cun investimento total de máis de 149.000 euros. No caso de Touro tamén lle concede á biblioteca deste municipio 1.446 euros para equipamento para axencia de lectura municipal.
Trenor explicou que a intención desta orde de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dotar dos medios necesarios ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos.
Os concellos beneficiarios teñen que ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas e contar cunha programación cultural estable ao longo do ano. A axuda máxima por entidade local beneficiaria é de 30.000 euros e non pode exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascende a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos.
Foron obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais A través destas axudas, a Xunta continúa impulsado a cultura nos distintos concellos buscando a máxima calidade e o seu acceso para todos os galegos.
Opmerkingen